O DÍA 19 DE ABRIL, PRODUCIUSE NESTE PUNTO UN ATROPELO CON DANOS PERSOAIS PARA UNHA MULLER E O CONCELLO MANTÉN A ELIMINACIÓN DESTE PASO DE PEÓNS

O BNG reclama que se recupere o paso de peóns que había na parte alta da Vila de Palas

PasoPeónsPalas de Rei

“A día de hoxe a sinalización horizontal desapareceu totalmente e esto supón un perigo para as persoas que por alí transitan” dixo Pardellas

O BNG reclama que se recupere o paso de peóns que había na parte alta da Vila de Palas

Palas de Rei, 24 de abril de 2018 O voceiro do BNG en Palas de Rei reclamou que se recupere o paso de peóns que había na parte alta da Vila de Palas e que hoxe está totalmente desaparecido. Pardellas explicou que “este paso de peóns estaba situado na parte alta da vila de Palas de Rei, na trama urbana da N-547,  á altura da rúa Antas de Ulla, é unha zona de tránsito de moita xente, por contar con varios negocios, incluído un tanatorio, e unha fonte pública que utilizan a diario moitos veciños e usuarios da vía”. A día de hoxe a sinalización horizontal desapareceu totalmente.

O voceiro do BNG explicou que se trata dunha demanda veciñal e sinalou “na primavera do 2007, a raíz de producirse algún atropelo, un grupo de veciñas e veciños da vila de Palas de Rei, presentaron un escrito no Concello para reclamar, entre outras, medidas de seguridade vial para reducir a perigosidade da zona pero non se fixo nada”. No outono dese mesmo ano, ante o silencio do Concello, estes veciños dirixiron un escrito ao Ministerio de Fomento denunciando a inseguridade vial desta zona e no que “solicitan que se proceda a habilitar e sinalizar coas correspondentes sinais verticais e horizontais, un paso de peóns na parte alta da vila de Palas de Rei, na N-547, á altura da saída da rúa de Antas de Ulla” dixo Pardellas.

Hai máis dun ano, sen motivo aparente que o xustifique, o Concello borra e anula este paso de peóns, habilitando outro uns cen metros máis arriba e outro uns cen metros máis abaixo. Estes novos emprazamentos non disuadiron nin evitaron que moitas persoas segan cruzando á estrada polo punto onde estaba o paso peonil anulado, cos riscos que isto conleva. Tanto é así, que este xoves, día 19 de abril, produciuse neste punto un atropelo con danos persoais para unha muller. A vista dos últimos acontecementos, o BNG demanda publicamente que se repoña o citado paso de peóns á altura da rúa Antas de Ulla e a fonte pública, para mellorar a seguridade vial deste tramo da N-547 e reducir ao máximo a posibilidade de novos atropelos.

O BNG reclama que se recupere o paso de peóns que había na parte alta da Vila de Palas