OLALLA RODIL: “SE DE VERDADE QUEREMOS QUE OS CONCELLOS DO INTERIOR SIGAN VIVOS, CÓMPRE MANTER SERVIZOS PÚBLICOS BÁSICOS COMO A EDUCACIÓN”
O BNG reclama á Xunta do PP que rectifique e garanta unha educación pública de calidade no CEIP do Páramo
O Páramo, 4 de setembro de 2025. – O BNG, a través da súa deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil mantivo un encontro con representantes das familias do alumnado do CEIP do Páramo, acompañada por representantes do BNG do Páramo, logo de coñecerse a decisión do Goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia de agrupar ás 37 nenas e nenos que estudan neste centro en só dúas aulas.
Segundo a proposta da Consellaría de Educación, os rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º de Primaria compartirían unha mesma aula, mentres que os de 4º, 5º e 6º quedarían xuntos noutra. Esta medida supón xuntar alumnado de ciclos formativos completamente diferentes, con idades e necesidades educativas moi diversas, o que vai contra calquera criterio pedagóxico e contra o sentido común.
As familias e o profesorado do centro amosan a súa enorme preocupación porque, lonxe de mellorar a situación, a Consellaría pretende aumentar a ratio no grupo de 1º a 3º, chegando a xuntar 17 estudantes cando existen alternativas moito máis lóxicas e equilibradas, como manter agrupacións só entre 1º e 2º. “É incomprensíbel que, en lugar de reforzar os recursos, se tomen decisións que prexudican gravemente ao alumnado”, sinalou Olalla Rodil.
O BNG lembra que a educación pública debe ser de calidade e garantir a igualdade de oportunidades para todas as crianzas, tamén para as que viven no rural. “Non podemos permitir que, por cuestións de aforro económico ou falta de vontade política, se impoñan criterios que deterioran o ensino e que van en contra dos intereses das nenas e nenos”, denunciou a deputada nacionalista.
Ademais, esta medida contrasta co discurso oficial do propio PP, que asegura apoiar a fixación de poboación no rural. “Se de verdade queremos que os concellos do interior sigan vivos, cómpre manter servizos públicos básicos como a educación. Unha escola aberta e con recursos é a mellor garantía de futuro para o Páramo e para calquera municipio rural”, suliñou Rodil.
O BNG insiste en que a Xunta debe rectificar de inmediato, dar marcha atrás neste recorte educativo e garantir que o CEIP do Páramo dispoña dos medios necesarios para manter unha organización pedagóxica axeitada, con ratios xustas e con condicións que permitan un ensino de calidade.
“Estamos a falar de dereitos fundamentais. Non podemos consentir que se reduza a educación pública a unha cuestión de números, porque detrás deses números hai nenas e nenos que teñen dereito a aprender en condicións dignas”, concluíu Olalla Rodil, reafirmando o seu compromiso coas familias e co profesorado do CEIP do Páramo.