MONTSE VALCÁRCEL: "A XUNTA TEN QUE MELLORAR A SÚA PLANIFICACIÓN Á HORA DE REALIZAR OBRAS, GARANTINDO A BOA IMAXE DO ESPAZO NO QUE SE INTERVÉN, E NON DEXANDO ANACOS DE CINTA PARA QUE NON CAIA O REVESTIMENTO DO MURO"
O BNG reclama á Xunta "que garanta a calidade nas reparacións das súas infraestruturas"
Alexandre Penas e Montse Valcárcel visitaron o recentemente aberto Centro de Saúde da Residencia, onde pouco máis dun ano despois da súa entrada en funcionamento, xa se poden ver zonas do edifico en avanzado estado de desgaste
Montse Valcárcel: "A Xunta ten que mellorar a súa planificación á hora de realizar obras, garantindo a boa imaxe do espazo no que se intervén, e non dexando anacos de cinta para que non caia o revestimento do muro"
O BNG presentará iniciativas no Parlamento de Galiza reclamando a solución a estas deficiencias
Lugo, 03 de xuño de 2025. A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Valcárcel, e o concelleiro do BNG na cidade de Lugo, ALexandre Penas, visitaron o novo Centro de Saúde da Residencia, onde puideron ver "os distintos defectos de obra que se comezan a ver pouco máis dun ano despois da apertura das instalacións", afirmou Valcárcel.
A deputada do BNG afirmou qeu "a Xunta sempre segue o mesmo proceso, planifican mal as obras e pouco temoi despois a veciñanza ten que ver como os edificios que se venderon como punteiros acaban rompendo pouco a pouco". Valcárcel anunciou que o BNG levará iniciativas ao Parlamento de Galiza "para evitar que imaxes como as que se poden ver hoxe na Residencia, cun revestimento asegurado nun muro con cinta de embalar, non se volvan repetir e que todas as veciñas e veciños de Lugo teñan instalacións públicas de calidade"
Alexandre Penas, concelleiro do BNG de Lugo afirmou que "mentres desde o BNG no goberno de Lugo traballamos para mellorar a cidade, tamén no eido estético, a Xunta demostra que non lle preocupa a cidade de Lugo, permitindo este tipo de solucións que empeoran a imaxe da cidade". O concelleiro do BNG reclamou á Xunta que mellore a planificación das obras "garantindo a durabilidade dos traballos feitos, sen repetir esta imaxe de abandono ao pouco de abrir un edificio novo".