O BNG DA PASTORIZA CRITICA O ABANDONO AO QUE A XUNTA SOMETE AO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE, "A VECIÑANZA NON PODE RECIBIR ATENCIÓN SANITARIA BÁSICA"
O BNG reclama á Xunta que non deixe sen médico á veciñanza da Pastoriza
O BNG da Pastoriza critica o abandono ao que a Xunta somete ao servizo galego de Saúde, "a veciñanza non pode recibir atención sanitaria básica"
A Pastoriza, 20 de xuño de 2025. O BNG da Pastoriza reclama á Xunta de Galiza que cubra o servizo de atención primaria no Centro de Saúde, que desde hoxe queda sen médico.Desde o BNG da Pastoriza afirman que esta situación é responsabilidade directa da Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, que leva anos desmantelando a sanidade pública no medio rural. A falta de planificación, a precarización das condicións laborais e o desprezo constante pola atención primaria teñen como consecuencia centros baleiros, persoas sen atención e unha poboación cada vez máis desprotexida.
O BNG esixe á Xunta de Galiza que poña en marcha un plan para cubrir de xeito inmediato as prazas de persoal médico no centro de saúde da Pastoriza, ademais de garantir a atención sanitaria nos concellos rurais. Dende o BNG da Pastoriza critican tamén a postura do PP local, gobernando a vila, "que lava as mans e garda un silencio cómplice coa Xunta, demostrando que o interese partidista está por enriba do benestar das veciñas e veciños da Pastoriza". "Merecemos unha sanidade digna, próxima e accesible, non recortes que mermen o noso dereito a unha sanidade pública e de calidade, a sanidade é un dereito e non un luxo", explican.
A atención primaria foi o ámbito da sanidade que sufriu máis recortes, e as consecuencias, coa masificación de consultas, a falta de profesionais e os PACs ao límite, repercuten na vida diaria das galegas e galegos.