ARROXO VALOROU O "IMPORTANTE ESFORZO" DA TENENCIA DE ACLALDÍA "PARA PRESTAR SERVIZOS AOS COLEXIOS QUE SON RESPONSABILIDADE DA XUNTA DE GALIZA"
Rubén Arroxo e Iria Buide asisten á celebración do 50 aniversario do CEIP As Gándaras
Arroxo valorou o "importante esforzo" da Tenencia de Alcaldía "para prestar servizos aos colexios que son responsabilidade da Xunta de Galiza"
Lugo, 20 de xuño de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, achegáronse ao CEIP As Gándaras onde participaron nas actividades polo 50 aniversario do centro. Arroxo e Buide parabenizaron á comunidade educativa pola traxectoria do colexio e compartiron parte da xornada festiva co alumnado, profesorado e familias.
Rubén Arroxo valorou o "importante esforzo" que anualmente realiza a Tenencia de Alcaldía a través da concellería de Educación para "manter servizos que a Xunta debería prestar aos colexios". Ademais de servizos como os comedores, "unha responsabilidade directa da Xunta de Galiza, que prestamos nós porque o goberno galego a deixa sen cubrir", o Concello presta outros servizos como as actividades extraescolares, as Escolas Infantís ou as axudas para libros de texto e material escolar, buscando que todas as familias poidan acceder ao material do colexio independentemente da súa situación económica. "Isto supón anualmente un importante esforzo tanto económico como administrativo para o Concello de Lugo", declarou Arroxo.
O CEIP As Gándaras celebrou ao longo de toda a semana unha serie de actividades dirixidas á comunidade educativa, con obradoiros de percusión, actuacións da Banda Filarmónica, música tradicional, xogos populares, maxia e cine na rúa para crear un ambiente festivo e participativo dentro do colexio.
O día central das celebracións organizadas polo centro será este sábado, 21 de xuño. A xornada, aberta a toda a veciñanza de Lugo, incluirá unha exposición de material didáctico, fotografías antigas, trofeos e outros obxectos que repasan a historia do centro. Haberá sorteos de agasallos, xogos para os mais pequenos e moita diversión.