O BNG RECLAMA A RECUPERACIÓN DA LIÑA DE AXUDAS PARA GARANTIR A CONSERVACIÓN DAS PALLOZAS
O BNG reclamará no Parlamento as axudas da Xunta de Galiza para restaurar as pallozas do Piornedo
A Xunta conta con competencia exclusiva en materia de patrimonio
Lugo, 13 de agosto 2019. Desde o BNG trasladaremos ao Parlamento as demandas da veciñanza de Piornedo que leva anos reclamando axudas da Xunta de Galiza para restaurar as pallozas.
Así mesmo defenderemos que se restitúa a liña de axudas que o Partido Popular suprimiu en 2010 a través das que o Instituto Galego de Vivenda e Solo colaboraba, en convocatorias anuais, no mantemento e rehabilitación destas construcións históricas, de orixe celta, e de incalculábel valor para o conxunto do país.
As actuacións levadas a cabo hai catro anos foron insuficientes, un remendo. Desde o BNG cremos que a Xunta de Galiza debe recuperar a convocatoria anual dunha liña de axudas para permitir que as actuacións se manteñan no tempo e desta maneira garantir a súa conservación evitando a situación actual, é dicir, que o deterioro sexa tal que pode ser irreversíbel se non se actúa con urxencia.
Desde o BNG lembramos ao Goberno galego que as pallozas están declaradas BIC e constitúen un elemento fundamental do patrimonio cultural galego e un símbolo da nosa identidade colectiva.
Neste senso, igual que as persoas propietarias teñen legalmente estabelecida a obriga de garantir a súa conservación, a Xunta de Galiza conta con competencia exclusiva en materia de patrimonio e a obriga de garantir a súa protección, conservación e enriquecemento, como dispón a Lei de patrimonio cultural de Galiza.
O Goberno galego non pode mirar para outro lado mentres as pallozas se van deteriorando, menos aínda cando as persoas propietarias levan anos lanzando un sinal de alarma e reclamando axuda para evitar que se veñan abaixo.