NA PARROQUIA SARRIANA DE MANÁN OS VECIÑOS PEDIRON QUE SE RETIRASE UN NIÑO DE VELUTINA E A SÚA PETICIÓN NON FOI ATENDIDA POR NINGUNHA ADMINISTRACIÓN
O BNG urxe a implicación de Deputación e Xunta para controlar a expansión da Velutina
O Parlamentario do BNG Xosé Luis Rivas “Mini” pediu, en Sarria, que o plan anunciado para A Mariña se estenda a todas as comarcas e se dote de medios aos concellos
Sarria, 13 de decembro de 2017. O Parlamentario do BNG Xosé Luis Rivas “Mini” pediu, en Sarria, que o plan anunciado para A Mariña se extenda a todas as comarcas e se dote de medios aos concellos e fixo fincapé en que “plans como o anunciado recentemente para a comarca de A Mariña, deberían poñerse en marcha en todas as comarcas e a Deputación debería aportar medios e liderar a coordinación dos concellos para iniciar, agora no inverno, a colocación de trampas para capturar o maior número de raiñas na primavera e evitar así a multiplicación de niños que se producirá”. Durante o inverno as raiñas permanecen enterradas no chán para sair durante a primavera e formar novas colonias que se multiplicarán de xeito exponencial.
Acompañado do Tenente-Alcalde, Efrén Castro, Rivas visitou a parroquia sarriana de Manán onde un grupo de veciñas e veciños lle relataron os seus intentos de que algunha administración se ocupase de neutralizar un niño de avespas velutinas localizado neste lugar. O Parlamentario do BNG sinalou que “é un problema de vontade das administracións para coordinarse, para buscar solucións e para aportar os medios necesarios que permitan frenar, na medida do posible, esta praga que se estende a velocidades endiañadas”. Rivas criticou a falta de resposta que se está a dar dende a Xunta de Galiza e lamentou a falta de medios dos concellos para atender as, cada vez máis numerosas, chamadas para solicitar a retirada de niños desta avespa invasora.
Para o BNG “o caso de Manán, en Sarria, é un exemplo do que está a ocorrer en todo o país por que a Xunta no actúa e pásalle o problema ao concello que non conta cos medios necesarios para retirar un niño que se atopa nun lugar dificilmente accesible e no alto dunha árbore de máis de 10 metros de altura”. Efrén Castro, como Tenente-Alcalde do concello de Sarria, apuntou que “se dende a Xunta e Deputación non se poñen os medios e os recursos, os concellos non podemos loitar en solitario contra unha praga coa que non se sabe con certeza cales son os protocolos a aplicar, ademais de non contar con persoal, nin medios, nin formación para atender as demandas veciñais”.
Investigación, coordinación e medios
O Parlamentario do BNG sinalou que “hai que actuar en dúas liñas moi concretas como son a creación de medios para a coloación de trampas e a eliminación de niños e, por outra banda, poñer recursos propios para crear un departamento de investigación que nos permita coñecer cal é o grado de adaptación ao medio deste himenóptero e cal é o xeito máis eficaz para controlar a súa expansión”.