RUBÉN ARROXO LEMBROU QUE ESTÁN A PUNTO DE CUMPRIRSE OS 15 DÍAS DE PRAZO QUE A XUNTA LLE DEU AO CONCELLO PARA FORMALIZAR OS TRÁMITES ENCAMIÑADOS A CONSEGUIR OS LOCAIS
O BNG demanda información sobre os trámites para que os locais da Tinería pasen a ser de uso municipal
“Tanto Xunta como Concello gardan silencio sobre este tema e temémonos que nin PP, nin PSOE, teñen interese en que se volva a falar do asunto” afirmou Arroxo
Lugo, 14 de decembro de 2017. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, trasladará unha pregunta para ter resposta no Pleno do Concello, que se celebrará a vindeira semana, sobre a situación na que se atopa, ou como finalizou (no caso de ter rematado o proceso), a compra/alugueiro dos locais comerciais propiedade do IGVS do barrio da Tinería. Arroxo lembrou que o pasado 29 de novembro a Consellería de Infraestruturas e Vivenda anunciaba que procedía á paralización da poxa pública dos locais comercias da Tinería, que a día de hoxe son propiedade do IGVS, e que se lle daba un prazo de 15 días hábiles ao Concello de Lugo para solicitar formalmente a compra ou aluguer dos locais.
Arroxo dixo “resulta sorprendente que dende aquel momento tanto a Xunta como o Concello non volveron a falar do asunto e rematou aquela carreira de atriles para dar roldas de prensa no barrio da Tinería na que competían a Alcaldesa e o Delegado da Xunta”. Arroxo anunciou que “o BNG seguirá vixiante e en contacto cos veciños e veciñas do barrio para evitar esta enaxenación de patrimonio público que pretendía o PP e que o PSOE estaba disposto a consentir se non fose pola intervención veciñal e do BNG”.
Para o BNG “foi lamentable o feito de que o PP tentase dilapidar un patrimonio que se mercou e rehabilitou con cartos públicos, pero tamén foron lamentables os bandazos dados polo PSOE cando a alcaldesa anunciou a compra, despois pediu a cesión e finalmente optou polo alugueiro”. Rubén Arroxo que “a secuencia dos feitos obríganos a desconfiar do desenlace de todo este proceso no que o barrio da Tinería e o centro da cidade poden saír perxudicados pola falta de responsabilidade dos gobernante da Xunta e Concello”.