RUBÉN ARROXO ANIMOU Á VECIÑANZA “A DEIXAR O COCHE NA CASA E USAR O TRANSPORTE PÚBLICO PARA FACER DE LUGO UNHA CIDADE MÁIS ECOLÓXICA”

O bus urbano será gratuíto durante o Día Europeo sen Coches

“O ano pasado aproveitamos este día para descubrir a importancia de humanizar a Ronda da Muralla”

O bus urbano será gratuíto durante o Día Europeo sen Coches

Lugo, 21 de setembro de 2020. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que, como vén sendo habitual nos últimos anos, o bus urbano será gratuíto durante o 22 de setembro, debido á celebración do Día Europeo sen Coches. Rubén Arroxo animou ás veciñas e veciños de Lugo a “animarse a deixar o coche na casa e usar o transporte urbano”.

“Deixando o coche na casa e apostando polo transporte público, a bicicleta ou facendo os  desprazamentos a pé colaboramos para facer de Lugo unha cidade máis limpa e ecolóxica”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “desde a área de Mobilidade aproveitamos esta data o ano pasado para peonalizar temporalmente a Mosqueira e descubrir a importancia da humanización do noso monumento e do uso que no futuro se lle dará a esta praza, cuxa obra xa está en proceso de contratación”. “Este ano, aproveitaremos o Día Europeo sen Coches para presentar proxectos importantes para a mobilidade en Lugo”, explicou Rubén Arroxo.

Día Europeo sen Coches

A celebración do Día sen Coches remóntase ao ano 1994, coas cidades de Reikiavik en Islandia, La Rochelle en Francia e Bath no Reino Unido exercendo como pioneiras desta iniciativa. No ano 1997, Gran Bretaña celebrou a nivel estatal o Día Sen Coches, sendo o primeiro estado en impulsar a celebración desta data. A Comisión Europea declarou no ano 2000 o Día Europeo sen Coches, como data de remate da Semana Europea da Mobilidade, que ten como obxectivo concienciar á poboación do uso do transporte público e dos medios de transporte alternativos, reducindo a dependencia do vehículo privado.

O bus urbano será gratuíto durante o Día Europeo sen Coches