A CONCELLEIRA DE CULTURA PRESENTOU AOS GRUPOS POLÍTICOS OS AVANCES REALIZADOS NA ORGANIZACIÓN DAS FESTAS DE OUTUBRO
Celébrase a primeira xuntanza da Comisión de Festas do mandato
Maite Ferreiro: "Este ano, o San Froilán volverá ser a gran festa do outono galego"
A concelleira anunciou que o San Froilán 2023 contará con máis de 35 actividades para as familias
Lugo, 17 de agosto de 2023. A Comisión de Festas reuniuse no día de hoxe para comezar a traballar na organización das festas do San Froilán 2023. Segundo explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, "desde a área de Cultura comezamos a traballar xa na edición 2023 do San Froilán, que un ano máis volverá encher de actividades as rúas de Lugo cun programa pensado para que todas as persoas atopen pasatempos do seu gusto".
Ferreiro afirmou que "estamos avanzando xa nos distintos pregos das festas, como son a producción, as casetas e a colocación do recinto feiral". A concelleira de Cultura presentou os avances realizados á comisión de festas, que está composta por 8 integrantes: 3 en representación do grupo municipal Socialista, 4 do Popular e 2 do Bloque Nacionalista Galego, xunto co xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.
Ferreiro explicou que "distintas cuestións relacionadas coa organización das festas están xa avanzadas, como a feira Gastroarte ou os postos de venda, mentres que seguimos a traballar na cobertura da caseta do polbo que quedou deserta o ano pasado".
Maite Ferreiro anunciou que o San Froilán miúdo contará con 9 actividades coas mellores propostas de teatro e circo chegadas a Lugo de diferentes partes do estado xunto con actividades internacionais. Ademais, haberá 4 instalacións de xogos interactivos para toda a familia os días 5, 7, 8 e 12.
A programación familiar completarase con 4 espectáculos itinerantes e 20 actuacións de maxia nos diferentes barrios da cidade.
Nos procedementos de licitación realizados nas últimas semanas cubríronse a totalidade dos postos de venda das rúas Rodríguez Mourelo, García Portela e da Praza Maior, cubrindo aqueles aos que non se presentou ningunha empresa o pasado ano. Do mesmo xeito, a feira de artesanía Gastroarte continúa en proceso de avaliación polos servizos técnicos do Concello de Lugo.
As distintas atraccións do recinto feiral e o alumeado ornamental teñen xa o procedemento rematado, ao prorrogarse o contrato do ano anterior, ao igual que as casetas e caldeiros do polbo números 1, 2 e 4. A área de Cultura retomará a licitación da caseta número 2, despois de quedar deserta no procedemento iniciado durante o verán, "co obxectivo de que este ano se cubran a totalidade dos postos", explicou Maite Ferreiro.