FERREIRO: "SEGUIMOS A PROMOCIONAR AS PROPOSTAS ARTÍSTICAS INNOVADORAS E A ARTE URBANA, COMO LEVAMOS ANOS A FACER CO CULTURBAN"
Maite Ferreiro anuncia que o Goberno de Lugo protexerá a nova obra de Primo Bansky para impedir o seu deterioro
O traballo representa a un García Lorca suxeitando a outro xa morto despois de ser fusilado
Lugo, 21 de agosto de 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, desprazouse esta mañá ata un dos muros exteriores do Vello Cárcere para coñecer a nova obra de Primo de Bansky. Nela, o artista galego homenaxea ao poeta García Lorca con motivo do 87 aniversario da súa morte por fusilamento. Ferreiro anunciou que, nos vindeiros días, se instalará sobre o muro do Vello Cárcere, espazo xestionado pola área de Cultura, a protección necesaria para a súa conservación, "garantindo que a obra se manteña o maior tempo posible mais sen esquecer o carácter efémero da arte urbana", explicou Rubén Arroxo.
O obra representa a un García Lorca mozo que viste a camisa de La Barraca, o grupo de teatro do que formaba parte, agarrando a outro García Lorca xa morto despois de ser fusilado. Ferreiro lembrou que a "Área de Cultura xa homenaxea ao grupo teatral co ciclo 'Versos na barraca' que se celebra cada verán na Praza da Mosqueira, achegando a Lugo ás principais voces da poesía galega", e destacou a calidade da obra de grafiteiro lucense baseada precisamente na reivindicación, o activismo e a busca de plasmar a realidade.
A edil de cultura destacou a importancia da arte urbana para "dar o seu espazo ás propostas de arte emerxentes, achegando unha canle de difusión ás novas propostas artísticas, así como novas ofertas de lecer á veciñanza, tal e como levamos facendo dende hai anos co Culturban", explicou.