CRISTINA LÓPEZ, CONCELLEIRA RESPONSÁBEL DO CEMITERIO, DERON A BENVIDA AOS 4 TRABALLADORES QUE FORMARÁN PARTE DA PLANTILLA DO CEMITERIO DURANTE OS PRÓXIMOS MESES
O Cemiterio Municipal de Lugo participa nun programa de inserción laboral
Cristina López, concelleira responsábel do Cemiterio, deron a benvida aos 4 traballadores que formarán parte da plantilla do cemiterio durante os próximos meses
As contratacións realízanse con persoas en situación de exclusión social
Lugo, 29 de xuño de 2024. A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, visitou o Cemiterio Municipal onde deu a benvida aos 4 traballadores que formarán parte da plantilla desta instalación municipal nos vindeiros meses, grazas á participación do Concello de Lugo nun programa de inserción laboral para persoas en situación de exclusión social. Cristina López afirmou que "con esta medida facilitamos a inserción laboral e continuamos a traballar na mellora do Cemiterio Municipal, ao realizaren traballos de limpeza, conservación e mantemento nesta instalación".
O cemiterio Municipal verá aumentada a súa plantilla con 4 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galiza, que desenvolverán as súas labores nesta instalación municipal ao longo dos vindeiros meses. Desenvolverán o seu traballo a media xornada de luns a venres, e traballarán nas instalacións do cemiterio para garantir a boa imaxe e a limpeza das instalacións.
O Goberno de Lugo continúa a facer importantes esforzos para a mellora do Cemiterio, como a renovación da porta automática no acceso lateral, comunicando coa zona nova do Cemiterio, onde nos últimos anos se realizou unha ampliación para garantir a dispoñibilidade de espazo. Coa nova contratación, a Tenencia de Alcaldía continúa a mellora das instalacións do Cemiterio Municipal. A edil de Participación, Cristina Lopez animou a toda a veciñanza a visitar o Cemiterio de San Froilán, e a desfrutar "das distintas actividades que se organizan desde o Goberno de Lugo, como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo".