ARROXO: "SEGUIMOS TRABALLANDO PARA MELLORAR O ESTADO DAS ZONAS INDUSTRIAIS DE LUGO, GARANTINDO A SEGURIDADE VIARIA"
Comeza a renovación da rúa da Agricultura
Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitaron o inicio das obras, que se desenvolverán durante as vindeiras 12 semanas
Arroxo: "Seguimos traballando para mellorar o estado das zonas industriais de Lugo, garantindo a seguridade viaria"
Arroxo: "Seguimos traballando para mellorar o estado das zonas industriais de Lugo, garantindo a seguridade viaria"
20 feb. 2026 - 08:56
Lugo, 19 de febreiro de 2026. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infaestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a rúa da Agricultura, no Ceao, onde veñen de comezar os traballos de renovación integral do asfalto. Arroxo afirmou que a Tenencia de Alcaldía continúa a "traballar na mellora das áreas industriais de Lugo, gardando cada ano unha partida orzamentaria importante para garantir o axeitado mantemento nestas vías, dado que o mantemento ten que ser acorde ao importante tráfico pesado que soportan". Segundo Arroxo, esta intervención permite "mellorar a seguridade viaria nunha zona que conta cun importante tráfico pesado".
A renovación do asfalto na rúa da Agricultura conta cun orzamento de 143.320,20€ e un prazo de execución de 12 semanas. Os traballos, que foron adxudicados a Francisco Gómez y Cía SL, inclúen a eliminación da tubaxe de fibrocemento, instalando nova tubaxe de fundición dúctil, ademais da renovación da capa de rodadura con asfalto en quente, mantendo a cota actual do pavimento. Renovarase tamén a sinalización horizontal.
Rubén Arroxo destacou que no 2026 a Tenencia de Alcaldía seguirá a mellorar as zonas industriais de Lugo, gardando unha partida de 250.000€ para o mantemento dos seus viais, "algo que permitirá que máis empresas opten por situarse nos polígonos de Lugo". Arroxo destacou o traballo executado pola Tenencia de Alcaldía nos últimos anos para mellorar as zonas industriais "sempre buscando mellorar a seguridade viaria nestas zonas".