“BUSCAMOS MELLORAR A IMAXE DUN BARRIO HISTÓRICO DA CIDADE COMO É RECATELO”, AFIRMOU RUBÉN ARROXO
Comezan os traballos de peonalización da rúa Vila de Sarria
Arroxo: “este proxecto de humanización continuará coa peonalización das rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo, cuxos proxectos están xa a ser realizados”
Lugo, 07 de agosto de 2020. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, visitou xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas os traballos de peonalización que se están realizando no barrio de Recatelo. Arroxo afirmou que “queremos mellorar a imaxe deste barrio histórico da cidade, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía”, e destacou que “Recatelo pode ser unha importante zona de paseo ao mesmo tempo que se melloran os servizos e a calidade de vida da veciñanza”.
No día de hoxe inicìáronse os traballos de humanización da rúa Vila de Sarria, que se realizarán durante as vindeiras 3 semanas. Rubén Arroxo afirmou que “as vindeiras fases do plan inclúen a peonalización das rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo para completar a humanización do barrio”. “Actualmente estase a realizar o proxecto para estas dúas rúas, e agardamos que os traballos se inicien durante o 2021”, declarou o Tenente de Alcalde.
“Desde o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou as diversas medidas postas en marcha para este fin “como a realización de pasos de peóns elevados ou as distintas peonalizacións que se están a levar a cabo e a proxectar”.
Barrio da Milagrosa
Rubén Arroxo anunciou a entrada en funcionamento dunha ampliación do novo plan de tráfico do Barrio da Milagrosa. “A rúa Otero Pedrayo, no treito que enlaza a Avenida da Coruña con Ramiro Rueda pasa a ser de sentido único para reducir a perigosidade deste cruce”. Coa nova modificación, este treito de Ramiro Rueda pasa a ser de sentido ascendente, circulando o tráfico cara a Avenida da Coruña.