O SUPLEMENTO PERMITIRÁ CONTINUAR CON PROXECTOS COMO A PEONALIZACIÓN DA MOSQUEIRA OU A RENOVACIÓN DA ILUMINACIÓN
O Concello de Lugo destina 6 millóns de euros do Remanente a importantes investimentos na cidade
O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo anunciou as inversións que o Suplemento contempla para as áreas que lidera. Segundo Rubén Arroxo, “trátase dun suplemento importante para Lugo, que permitirá avanzar en proxectos importantes no ano da gran transformación da mobilidade na cidade”.
“Na área de Mobilidade e Infraestruturas realizamos múltiples investimentos para continuar a actuar no mantemento dos distintos barrios da cidade e na mellora da iluminación en toda a cidade”, afirmou Rubén Arroxo. En total, na área de Mobilidade e Infraestruturas investiranse 2.420.000€ para o mantemento da cidade, no que se inclúen 200.000€ para a peonalización da Mosqueira e 430.000€ para distintas actuacións no barrio de Fontiñas, no que se inclúe a rotonda de San Eufrasio “na que se comezará a traballar unha vez a Xunta realice a cesión dos terreos necesarios”, afirmou Rubén Arroxo.
Ademais, inclúense 280.000€ para a semipeonalización do barrio de Recatelo e 200.000€ “que serán destinados a un plan de actuacións nos polígonos do Ceao e das Gándaras”, declarou Arroxo, que engadiu “ademais, incluímos 50.000€ para fomentar o uso de medios de transporte alternativos e as novas liñas de bus urbano”.
No tocante á mellora da iluminación, o suplemento de crédito achega 753.000€ para distintos proxectos en toda a cidade que, segundo Rubén Arroxo “permitirán aforrar cada mes no gasto en electricidade, ao instalarse luminarias LED, que fan un menor consumo enerxético”.
“As concellerías dependentes da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua tamén levan partidas neste suplemento para continuar a avanzar nos seus proxectos”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou os 100.000€ que se investirán na promoción turística da cidade “nun ano no que o turismo de proximidade vai ser a clave para o mantemento do sector” ou a actualización tecnolóxica e de contidos expositivos do MIHL, para a que se destinan 60.000€.
Na concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, achéganse 120.000€ para melloras nos centros escolares e 20.000€ para proxectos pedagóxicos.
Na área de Participación e Servizos para a Veciñanza incorporaranse 60.000€ para distintos arranxos do cemiterio municipal. Rubén Arroxo afirmou que “o compromiso desta área cun cemiterio exemplar en todo o estado e incluso a nivel internacional é firme, e seguiremos investindo para o mantemento do propio cemiterio como para a súa conservación como único cemiterio público do estado”.
A maiores, inclúense 60.000€ para a organización de actividades participativas nos distintos barrios e 20.000 para actividades de dinamización na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, “para continuar a apostar por fomentar o pequeno comercio especialmente despois das perdas ocasionadas pola crise sanitaria”, sentenciou Rubén Arroxo.