O ACTO REALIZOUSE SIMULTANEAMENTE EN CIDADES E VILAS GALEGAS PARA RESALTAR OS SÍMBOLOS IDENTITARIOS NO DÍA DA I ASEMBLEA NACIONALISTA DAS IRMANDADES DA FALA CELEBRADA EN LUGO NO 1918
O Concello de Lugo participa no acto de izamento da bandeira galega na praza dos Mártires de Carral
Concelleiras e concelleiros do goberno participaron no acto organizado por Vía Galega que rematou coa interpretación do Himno Galego
O acto realizouse simultaneamente en cidades e vilas galegas para resaltar os símbolos identitarios no día da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala celebrada en Lugo no 1918
Lugo, 23 de novembro de 2024. Concelleiros e concelleiras do goberno municipal participaron no acto organizado por Vía Galega na Praza dos Mártires de Carral no 106º Aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada o 17 e 18 de novembro de 1918 en Lugo.
Vía Galega continúa impulsando iniciativas para revitalizar e popularizar os nosos símbolos nacionais, especialmente o himno e a bandeira galega. Esta campaña busca cubrir a xeografía galega de bandeiras, cun acto simultáneo en diferentes localidades de Galiza, consistente no izamento e colocación da bandeira galega en lugares destacados.
O acto en Lugo contou cunha actuación musical, a lectura do manifesto de Vía Galega e o recitado de poemas de autoras e autores como Marica Campo, Manuel María ou Ramón Cabanillas, entre outros. Neste sentido, destacou a achega de Marica Campo, quen creou un poema dedicado á bandeira galega expresamente para esta celebración.
O Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa defensa e visibilización dos nosos símbolos, elementos fundamentais que fortalecen a nosa identidade e cohesión como pobo.