PARA O BNG “NON SE PODE REPETIR O SUCEDIDO NO HULA, ONDE OS VECIÑOS PUXERON OS TERREOS, O PP PRIVATIZOU E AS EMPRESAS FAN O NEGOCIO”
“O concello ten que esixir a gratuidade dos aparcadoiros a construír na futura intermodal” dixo Arroxo
Arroxo sinalou que “o novo aparcadoiro debe sumarse a unha rede de aparcadoiros disuasorios da cidade que sirva para avanzar na peonalización do entorno da muralla”
Lugo, 26 de febreiro 2018. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, anunciou que a formación que representa velará para que “non se proxecten negocios privados con cartos públicos” e sinalou que “o concello ten que esixir a gratuidade dos aparcadoiros a construír na futura intermodal”. O voceiro nacionalista fixo alusión ás declaración de cargos da Xunta de Galiza que a pasada semana presentaban en Lugo a construción da futura estación intermodal e na que se anunciou a creación dunhas 200 prazas de aparcamento.
Arroxo anunciou que o BNG-AA pedirá que o concello condicione a gratuidade para os aparcamentos. “Este aparcadoiro debe sumarse a unha rede de aparcadoiros disuasorios da cidade que sirva para avanzar na peonalización do entorno da muralla e do casco histórico e converter a Lugo nunha cidade para as persoas” afirmou Arroxo. Rubén Arroxo sinalou que “entendemos que a alcaldesa estará ao tanto desta intención de privatización por que estivo participando en varias xuntanzas con cargos da Xunta e do ADIF”.
“A creación de 200 novas prazas de aparcamento nesta zona é positiva para a cidade pero non imos permitir a privatización do espazo público e a implantación dun negocio privado construido con cartos públicos” afirmou Arroxo. Para o BNG “non se pode repetir o sucedido no HULA, onde os veciños puxeron os terreos, o PP privatizou e as empresas fan o negocio”. Rubén Arroxo aproveitou para lembrar que o concello segue sen dar solución ao tema do aparcamento no entorno do hospital “a pesares dos multiples anuncios de Leira-Parking desta alcaldesa e do seu predecesor no cargo”.
Ningunear as peticións veciñais
O voceiro do BNG-AA tamén lamentou que “con este anuncio dos responsables do goberno da Xunta de Galiza, tamén se está ninguneando a representantes de plataformas veciñais que levan reclamando, acertadamente, a construción dun aparcadoiro público neste emprazamento” e engadiu “parece que o PP ten a virtude de darlle a volta ás propostas que parten dende as veciñas e veciños de Lugo, de tal xeito que en vez de convertelas nunha mellora as converten nun negocio, aplicando o correspondente canon á veciñanza”.