CRISTINA LÓPEZ: "COLABORAMOS PARA DAR VISIBILIDADE A UNHA SERIE DE ENFERMIDADES POUCO COMÚNS QUE CREAN GRANDES PROBLEMAS ÁS PERSOAS QUE AS SOFREN"
Continúan as actividades do mes das persoas con enfermidades raras

Cristina López visitou o Vello Cárcere, que acolleu unha xornada de sensibilización para estudantes dos institutos de Lugo
Cristina López: "Colaboramos para dar visibilidade a unha serie de enfermidades pouco comúns que crean grandes problemas ás persoas que as sofren"
Lugo, 20 de febreiro de 2025. A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo e a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas organizan ao longo do mes de febreiro o mes das persoas con enfermidades raras que ten como obxectivo, segundo explicou a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López "dar visibilidade ás enfermidades pouco comúns que crean grandes problemas ás persoas que as sofren polas dificultades de diagnóstico e tratamento".
A edil de Participación, Cristina López, achegouse ata o Vello Cárcere, onde hoxe se celebrou unha xornada de sensibilización e visibilización das enfermidades raras dirixidas a estudantes dos institutos de Lugo. As actividades continuarán o día 28 de febreiro, día das Enfermidades Raras, coa instalación dunha mesa informativa durante toda a xornada na praza Maior. A partir das 13h procederase á lectura do manifesto diante do Concello.
O HULA acollerá unha mesa de debate sobre a relevancia da xenética e cribado neonatal nas persoas con enfermidades raras. A xornada rematará cun encontro de apoio ás enfermidades raras, que comezará ás 17:30 cunha andaina pola Murallla e rematará cunha nova lectura do manifesto e a actuación musical da Tambukda.
Baixo o termo de enfermidade rara inclúense de forma maioritaria as enfermidades de orixe xenética, con cifras de entre 5.000 e 7.000 enfermidades diferentes. Non existe unha única lista destes miles de enfermidades de orixe ambiental, ao existir diferentes formas de entender este tipo de enfermidades.