O BNG ANUNCIOU INICIATIVAS NO PARLAMENTO GALEGO PARA INSTAR Á XUNTA A CREAR O GRAN PARQUE CENTRAL DE LUGO
Rubén Arroxo: "Os restos arqueolóxicos poderían ser musealizados dentro do propio aparcadoiro"

O BNG anunciou iniciativas no Parlamento Galego para instar á Xunta a crear o Gran Parque Central de Lugo
"Deste xeito contariamos cun atractivo turístico máis, aumentando a promoción da nosa cidade", afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 20 de febreiro de 2025. O BNG anunciou que presentará iniciativas no Parlamento Galego a través da deputada Montse Valcárcel para reclamar á Xunta que comece a traballar no Gran Parque Central de Lugo para "unha vez que entre en funcionamento a nova estación de Autobuses, poder comezar tamén cos traballos previos para transformar a zona da estación actual".
O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que "sería ideal que aparecesen restos neste espazo, que poderían musealizarse in situ tal e como se fixo no túnel que conecta o aparcadoiro de Santo Domingo coa Praza de Abastos". Rubén Arroxo puxo exemplos doutros edificios do centro que contan con restos musealizados "como o centro de Novas Tecnoloxías do Concello ou o hotel de Santo Domingo".
Arroxo afirmou que "a postura do PP de que non se pode construír este aparcadoiro pola presencia de restos arqueolóxicos é pouco crible". O portavoz do BNG destacou que "é preciso facer un estudo arqueolóxico e catalogar e coidar os restos, mais se fose imposible facer excavacións, ningún dos edificios da contorna poderían contar con garaxe". Segundo Rubén Arroxo, "a realidade non é que non se poida facer o aparcadoiro, a realidade é que o PP non quere investir en Lugo", e puxo como exemplo o barrio da Tinería, "cuxo gran investimento do PP foi retirar unha chapa metálica e colocar unha protección de madeira".
A creación do Grande Parque Central no espazo de máis de 6.500 metros cadrados que agora ocupa a Estación de Atobuses creará en Lugo un gran nucleo verde a carón do centro da cidade, cunha extensión de máis de 27.000 metros cadrados contando con áreas de xogo infantil, un gran centro cultural como é o Vello Cárcere e lugares de convivencia.
O portavoz do BNG reclamou á Xunta de Galiza que elabore este proxecto "buscando consenso social e político", e afirmou que "coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten que aproveitar a oportunidade de demostrar que quere investir en Lugo e mellorar a cidade".