AS CONCELLEIRAS E CONCELLEIROS DO GOBERNO DE LUGO PARTICIPAN NOS ACTOS DO DÍA DE ROSALÍA ORGANIZADOS POLA ÁREA DE CULTURA E A AELG

Lugo celebra o Día da Lingua Materna


As concelleiras e concelleiros do Goberno de Lugo participan nos actos do Día de Rosalía organizados pola área de Cultura e a AELG

Durante a mañá, o Parque de Rosalía acolleu unha lectura de poemas, mentres que pola tarde a artista Mamá Cabra dinamizará o soto da praza cunha actividade para público familiar

Maite Ferreiro destacou a importancia de defender o galego "nun momento crítico para a nosa lingua"

Lugo celebra o Día da Lingua Materna



Lugo, 21 de febreiro de 2025. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega realizaron hoxe en Lugo un acto con motivo do Día da Lingua Materna.  O acto contou coa tradicional ofrenda a Rosalía e a lectura do manifesto da AELG polo Día de Rosalía, que se celebra cada ano o 23 de febreiro, despois realizouse a lectura pública de poemas de Rosalía.

Pola tarde, a programación do Día da Lingua Materna amplíase co concerto de 'Mamá Cabra' no soto da Praza de Abastos e co festival "As literatas para Rosalía de Castro", organizado pola Vicepresidencia da Deputación, que contará coas intervencións musicais de Nebra e Laura Lamontagne.

Ferreiro afirmou que é preciso "visibilizar que a nosa lingua pode ser utilizada en calquera situación, facilitando a veciñanza se anime a falar en galego e colaborando desde o Concello de Lugo para reverter unha situación tan grave como a que vive neste momento a lingua galega".

Segundo os últimos datos publicados, un de cada tres menores saben pouco o nada de galego e só o 7% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan galego sempre, "14 anos despois do decreto antigalego do PP, cunha xeración educada íntegramente nesta normativa, estamos vendo como as persoas máis novas están a perder a capacidade de utilizar a nosa lingua", afirmou Maite Ferreiro.

A edil de Promoción da Lingua afirmou que "é necesario tomar medidas reais e inmediatas que permitan reverter unha situación tan grave como a que temos neste momento coa lingua".

Lugo celebra o Día da Lingua Materna