Cristina López reúnese cos comerciantes da Praza e do Mercado para traballar da man no futuro destas dúas instalacións
Cristina López: "Seguiremos colaborando cos titulares dos distintos postos como vimos facendo nos últimos anos, para consolidar á Praza e ao Mercado dous grandes referentes do comercio local e de proximidade"
A concelleira de Participación destacou as campañas de promoción da praza, "como a que levamos anos executando durante o Nadal, e que supón cada semana un gran volume de ventas nos distintos postos"
Lugo, 18 de decembro de 2023. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, mantivo unha xuntanza cos representantes das e dos comerciantes da Praza de Abastos e do Mercado Municipal co obxectivo de continuar a traballar da man no futuro de ambas instalacións. Cristina López afirmou que "buscamos consolidar á Praza e ao Mercado como dous referentes do comercio local e de proximidade, destacando a gran calidade dos productos que se comercian aquí e a atención especializada que prestan os distintos comerciantes a toda a veciñanza".
Cristina López destacou o traballo realizado pola área de Participación de cara á promoción da Praza e do Mercado "achegando actividades culturais e realizando distintas iniciativas para fomentar que as veciñas e veciños de Lugo acudan á praza e ao mercado, favorecendo que coñezan ambas instalacións e que aposten por elas á hora de facer as súas compras": Segundo Cristina López, un exemplo é a campaña O noso mercado é un agasallo, realizada cada ano durante o Nadal, "e que cada sábado supón un gran volume de venta para os distintos postos".
A área de Participación facilitou que a Praza e o Mercado fosen o escenario de actividades diversas e para distintos públicos, acollendo desde obradoiros infantís e visitas escolares ata concertos, mostras científicas ou torneos de futbolín e xadrez.