“QUEREMOS MELLORAR O NOSO CEMITERIO MUNICIPAL, UN DOS POUCOS DO ESTADO CUXA XESTIÓN É COMPLETAMENTE PÚBLICA”, AFIRMOU CRISTINA LÓPEZ

Cristina López visita os traballos de ampliación Cemiterio Municipal

Estanse a construír un total de 407 nichos, 23 criptas e 140 columbarios, cunha  inversión total de 307.784,34€

Cristina López visita os traballos de ampliación Cemiterio Municipal

Lugo, 09 de setenbro de 2020. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza visitou na mañá de hoxe as obras de ampliación do Cemiterio Municipal de San Froilán. Cristina López afirmou que “esta é unha actuación da que se levaba falando moito tempo e que, segundo as previsións, estará rematada nas vindeiras semanas”. En total, o Cemitero Municipal ampliarase con 407 novos nichos, 23 criptas e 140 columbarios para incineracións.

“Desde a área de Participación estamos a traballar en mellorar o Cemiterio Municipal, un dos poucos de xestión totalmente pública de todo o estado”, afirmou Cristina López, que engadiu “é a primeira ampliación do Cemiterio Municipal desde o Xardín dos Recordos, inaugurado no ano 2006”:

Esta ampliación incluirá un novo sistema de recollida de lixiviados, que contará con filtros de carbón activado e depósitos de sosa cáustica, que permitirán neutralizar os residuos orgánicos, e permitirán un maior control das emisións deste tipo de substancias á rede pluvial do Cemiterio.

O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu hai 72 anos ás antigas instalacións de Magoi. Cristina López destacou “a versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que  o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo”. Debido ás últimas indicacións das autoridades sanitarias en Lugo, o horario de visita está limitado ás tardes, mais Cristina López lembrou que “é posíbel realizar unha visita virtual ás instalacións desde a web cemiterio.concellodelugo.gal”.

Prezos do Cemiteiro

Segundo as ordenanzas actuais, a concesión de 25 anos por un nicho ten unha taxa anual de 82.25€, mentres que para as criptas ascende a 253.17 e os columbarios, 28.69. No caso de solicitarse un nicho de urxencia, a taxa ascende a 643,16€.

Cristina López visita os traballos de ampliación Cemiterio Municipal