O debate ten que ser sobre o modelo de cidade non sobre o sistema de aparcamento
O BNG Asambleas Abertas proporá que o aparcamento nas zonas reguladas sexa gratuíto
Os nacionalistas apostan por un sistema de regulación de aparcamento gratuíto, rotatorio e con xestión directa do concello
Lugo, 28 de outubro de 2015. Unha vez vista a proposta presentada polo goberno, na que se inclúen diversos informes de técnicos municipais, o voceiro do BNG Asambleas Abertas manifestou que fará unha proposta para que se adapte a Lugo un sistema de regulación do aparcamento similar ao que está a funcionar en Pontevedra. Arroxo explicou que na visita que fixemos onte, comprobamos como se pode regular o aparcamento coa debida sinalización e un único vehículo conducido por axentes da policia local.
Para o BNG Asambleas Abertas estase reducindo o debate á adxudicación, ou non, do sistema ORA a unha empresa e o debate ten que ser sobre o modelo de cidade, non sobre o sistema de aparcamento. O voceiro nacionalista lembrou que no momento en que o PSOE decidiu, unilateralmente, suspender o funcionamento do sistema ORA, nos xa advertimos de que se trataba dunha irreponsabilidade que somentes buscaba lanzar unha cortina de fume para tratar de tapar as imputacións xudiciais do Sr. Besteiro.
Arroxo sinalou que o sistema que propón o BNG Asambleas Abertas encaixa perfectamente dentro dos parámetros sinalados nos informes técnicos presentados polo equipo de goberno e engadiu que sería un sistema municipal ao 100 % e gratuíto para os cidadáns. A implantación do novo sistema de control proposto polos nacionalistas estaría baseado, unicamente, na definición das zonas a controlar e na definición do tempo máximo de estacionamento permitido.
Arroxo explicou que é modelo non recaudatorio que somentes persegue a rotación dos vehículos nas prazas de estacionamento. Arroxo asegurou que con este sistema cada praza de aparcamento pode dar servizo a 30 ou 40 vehículos diariamente. Os coches poderían estacionar, durante o tempo máximo que se decida, de xeito gratuíto para que as persoas teñan o tempo suficiente para facer as xestións ou trámites necesarios. O control dos tempos de estacionamento fariase con vehículo equipado cun lector de matrículas e sistema automático de sanción.