A DEPUTACIÓN INSTARÁ Á XUNTA A RETIRAR A PROPOSTA DE INCREMENTO DO CANON DE TRATAMENTO DE RESIDUOS
O equipo de goberno aprobou instar ao goberno de Feijóo a retirar a suba do canon do lixo e poñer en marcha unha mesa de negociación entre Xunta, FEGAMP e SOGAMA para estudar os custes reais do tratamento
Os deputados do BNG non conseguiron sacar adiante a moción pola que reclamaban as competencias de política preventiva no transporte marítimo para evitar outra catástrofe ambiental como a do Prestige
Lugo, 26 de novembro de 2013. Esta mañá, no pleno ordinario de novembro da Deputación de Lugo, aprobouse cos votos do equipo de goberno da Deputación que a institución se dirixa á Xunta de Galiza para que paralice a suba do canon por tratamento de residuos prevista nos orzamentos de 2014 e demandar a posta en marcha unha mesa de negociación entre Xunta, FEGAMP e SOGAMA para estudar os custes reais do tratamento. Do mesmo xeito, de non procederse a esta retirada da nova tarifa, demandarase á Xunta de Galiza que sexa o goberno autonómico quen asuma este incremento, de maneira que non repercuta nos concellos.
O goberno do PP introduce nos orzamentos da Xunta de Galiza a revisión do canon para acadar os 74,64 euros por tonelada tratada, sen IVE, o que vai supor un incremento de preto do 34% para os máis de 290 concellos adheridos. Esta medida unilateral do PP, sen coñecemento nin participación dos concellos adheridos no proceso de toma de decisión, pretende un incremento desproporcionado e abusivo que se repite, como noutros ámbitos por parte do Goberno do PP, pola adopción de medidas dirixidas a salvar ás grandes empresas corporativas transnacionais. Ademais, hai que lembrar que con esta suba o PP non só pretende compens
ar as perdas presentes e previsíbeis que ten SOGAMA, senón pasar a ter uns beneficios de preto de 7 millóns de euros a conta da cidadanía galega que verá repercutido este canon nos recibos que cobran polo servizo de recollida de lixo aos concellos.
Por estas razóns, o equipo de goberno aprobou no pleno que a Deputación inste á Xunta a que se retire dos orzamentos do próximo ano o incremento previsto do canon de SOGAMA que deben satisfacer os concellos e que calquera modificación que se pretenda pase obrigatoriamente por un consenso coa FEGAMP e cos concellos implicados, coa participación de SOGAMA e da Consellaría con atribucións en medio ambiente. Ademais, o BNG cre importante que se revise en profundidade o Plan de Xestión de Residuos Ur
banos de Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos e apoiando un modelo que supere SOGAMA, mediante proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos e recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados.
Contra a impunidade do Prestige
Os deputados do BNG quedáronse sos na súa defensa contra a impunidade da marea negra do Prestige e a prol da transferencia de competencias marítimas á Xunta de Galiza. O grupo provincial do BNG defendía que a Corporación Provincial amosase o seu desconcerto pola peor catástrofe ambiental que sufriu Galiza e a decepción por saber que nun futuro esta situación pode repetirse coa total impunidade para os causantes.
Ante isto, o BNG solicitaba que a Deputación instase á Xunta e ao Ministerio Fiscal que presenten diante do Tribunal Supremo un recurso de casación contra a sentenza do Prestige, dado que existen supostos de feito para recorrer. Para o BNG é fundamental que o Estado promova as medidas necesarias para denunciar os convenios internacionais asinados polo Estado español en materia de indemnización para este tipo de danos, especialmente no relativo á responsabilidade civil por danos causados por hidrocaburos.
Pero no que realmente fixo fincapé o portavoz do BNG na Deputación, Mario Outeiro, foi na necesidade de que Galiza conte coas competencias para o control e inspección de barcos que recalan nos portos galegos e dos que transitan polo dispositivo de separación de Fisterra, para poder aplicar unha política preventiva no transporte marítimo de mercadorías perigosas, ademais da competencia vinculada ao salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña nas costas galegas.
O BNG trasladou o seu apoio a todas as mobilizacións en contra da impunidade dos responsábeis da marea negra do Prestige e en demanda da transferencia de competencias á Galiza nesta materia.