PP E PSOE APOIAN A PROPOSTA DO BNG CONTRA O CANON DE SOGAMA NO CORGO

PP E PSOE APOIAN A PROPOSTA DO BNG CONTRA O CANON DE SOGAMA NO CORGO

Mario-OuteiroTodas as forzas (PP, PSOE e BNG) votaron a favor da iniciativa do BNG de solicitarlle á Xunta a que non aplique a subida do canon de tratamento de residuos que repercutirá nos concellos e que calquera modificación ten que pasar por un consenso coa FEGAMP e cos concellos implicados,  coa participación de SOGAMA e da Consellaría con atribucións en medio ambiente

O acordo para instar a que a Xunta solicite ao FROB a paralización da venda de NovaGaliciaBanco por ser unha entidade sistémica para Galiza non prosperou ao votar en contra o PP

O Corgo, 27 de novembro de 2013. Esta mañá, no pleno ordinario celebrado no Concello do Corgo, o BNG logrou a aprobación por unanimidade da moción que presentaba para solicitar que a Xunta non inclúa de partida nos orzamentos de 2014 o incremento para pagar o canon sobre o lixo que impuxo SOGAMA, co que a entidade municipal se dirixirá á Xunta de Galiza nesa liña. Desta maneira, o concello gobernado polos populares reclamará ante a Xunta de Galiza a non aplicación da suba do imposto sobre o tratamento de residuos.

Tal e como defende o BNG na súa moción que recibiu o apoio unánime, o goberno do PP introduce nos orzamentos da Xunta de Galiza a revisión do canon para acadar os 74,64 euros por tonelada tratada, sen IVE, o que vai supor un incremento de preto do 34% para os máis de 290 concellos adheridos. Esta medida unilateral do PP, sen coñecemento nin participación dos concellos adheridos no proceso de toma de decisión, pretende un incremento desproporcionado e abusivo que se repite, como noutros ámbitos por parte do Goberno do PP, pola adopción de medidas dirixidas a salvar ás grandes empresas corporativas transnacionais. Ademais, hai que lembrar que con esta suba o PP non só pretende compensar as perdas presentes e previsíbeis que ten SOGAMA, senón pasar a ter uns beneficios de preto de 7 millóns de euros a conta da cidadanía galega que verá repercutido este canon nos recibos que cobran polo servizo de recollida de lixo aos concellos

Por outra banda, a iniciativa na que o BNG solicitaba instar a que a Xunta solicite ao FROB a paralización da venda de NovaGaliciaBanco por ser unha entidade sistémica para Galiza non conseguiu o apoio maioritario e, cos votos en contra do PP, non foi aprobada.

O BNG tamén solicitou no mesmo pleno, a través dun rogo, que o Concello do Corgo poña en marcha un plan de atención a persoas que sofren violencia de xénero. Para o BNG, a dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas de violencia de xénero racharen coa relación que pon en perigo as súas vidas. Estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar as mulleres que deciden dar o paso. No momento en que todas as asociacións de mulleres alertan con diferentes informes que “a crise supón un freo para denunciar, polo temor a non encontrar emprego e verse sen recursos para saíren adiante” sorprende que o goberno galego non analice as necesidades das mulleres que sofren violencia de xénero neste momento concreto e non aplique con dilixencia as leis vixentes. Por iso, como os Concellos son as administracións máis achegadas aos cidadáns, o BNG solicitou a posta en marcha dun plan de atención a persoas que sofren violencia machista.

PP E PSOE APOIAN A PROPOSTA DO BNG CONTRA O CANON DE SOGAMA NO CORGO