MAITE FERREIRO E RUBÉN ARROXO VEÑEN DE RECIBIR UNHA CITACIÓN XUDICIAL, XUNTO CON OUTRAS 7 PERSOAS, QUE FORMAN PARTE DA PLATAFORMA LUGO DE CARA AO MIÑO

Ediles do BNG denunciados pola empresa INCA por participar nas mobilizacións contra o dique ilegal do río Miño

identificación30agosto2016
identificación30agosto2016

Os ediles nacionalistas están citados para declarar no xuizo que se celebrará o vindeiro 10 de marzo no xulgado de instrución número 1 de Lugo

Ediles do BNG denunciados pola empresa INCA por participar nas mobilizacións contra o dique ilegal do río Miño

Lugo, 21 de febreiro de 2017. Os ediles do BNG – Asembleas Abertas veñen de recibir unha citación xudicial ao ser demandados pola empresa INCA pola súa participación nas mobilizacións convocadas dende a Plataforma Lugo de Cara ao Miño. Os concelleiros Rubén Arroxo e Maite Ferreiro son acusados pola empresa que construíu un dique ilegal na zona das Saamasas de  coaccións. A denuncia foi presentada polo representante da empresa INCA, Miguel García – Gesto Fraga, e os ediles do BNG-AA son citados para declarar no xuizo que se celebrará o vindeiro día 10 de marzo ás 10:00 horas.

Na citación para o xuízo, emitida dende o xulgado de instrución número 1 de Lugo, aparecen como demandadas para prestar declaración un total de 9 persoas que forman parte da Plataforma Lugo de Cara ao Miño. Entre as persoas citadas unicamente aparecen, como representantes dunha forza política, os nomes de Rubén Arroxo e Maite Ferreiro que acudiron a estas mobilizacións como representantes do BNG que forma parte da Plataforma dende a súa constitución e apoiaron coa súa presenza a maior parte dos actos convocados pola Plataforma.

Tanto Maite Ferreiro como Rubén Arroxo coincidiron en que “defender o noso río non é un delito e o BNG, a quen nos representamos, está onde ten que estar ao carón das persoas que defenden as causas xustas, o noso territorio e o medio ambiente”. Para os ediles nacionalistas “está claro que se trata dunha estratexia da empresa construtora que, sen motivos, tratan de degradar a imaxe da Plataforma e das persoas que formamos parte dela”.

Os ediles do BNG – Asembleas Abertas foron identificados, o 30 de agosto de 2016, por axentes da policía nas inmediacións da zona do río Miño onde se estaban a facer as obras para construír un dique no río Miño. Maite Ferreiro e Rubén Arroxo participaron nunha mobilización pacífica convocada dende a Plataforma Lugo Cara ao Miño. O representante da empresa INCA, Miguel García – Gesto Fraga, presentou unha demanda contra todas as persoas identificadas naquel momento acusándoas de coaccións.

Ediles do BNG denunciados pola empresa INCA por participar nas mobilizacións contra o dique ilegal do río Miño