A USC ELABOROU O ESTUDO NO QUE SE ACREDITA A POSIBILIDADE DE LEVAR A CABO ESTAS PISCINAS TERMAIS QUE, SEGUNDO O GOBERNO, FARANSE CON CARGO AO ORZAMENTO DO ANO 2018
Os informes dos que dispón o Concello avalan a proposta do BNG para que Lugo conte con piscinas termais públicas
“Pediremos a máxima dilixencia neste asunto por que entendemos que Lugo ten que saír da parálise na que se atopa” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 19 de febreiro 2018. O goberno municipal ven de dar resposta ás preguntas realizadas polo BNG no mes de xaneiro sobre os estudos contratados polo goberno municipal para a creación dunhas piscinas termais públicas. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou que “segundo as respostas escritas facilitadas polo goberno municipal as prospeccións encargadas a un órgano dependente da USC foron positivas e, parece ser, existe intención por parte do goberno de levar a cabo a creación das piscinas termais públicas no entorno do balneario”. Arroxo sinalou que “o estudo foi encargado ao Centro de Estudos da Historia da Cidade, dependente da USC e tivo un coste de 6.050 €”.
Na resposta escrita tamén se di, literalmente, que: O Goberno Local, está a espera da aprobación definita do orzamento de 2018, para decidir a ubicación máis idónea e licitar as actuacións necesarias para que as psicinas termais sexan unha realidade no noso municipio. Segundo Arroxo, “esto fai ver que a proposta do BNG se pode materializar en breve” e engadiu “aínda así estaremos vixiantes e pediremos a máxima dilixencia neste asunto por que entendemos que Lugo ten que saír da parálise na que se atopa”.
O BNG xa presentara unha proposta para que se incorporase esta actuación ao proxecto que se desenvolva cos fondos europeos do Plan EDUSI. Arroxo dixo que existen vetas de auga quente no entorno do balneario que se poderían aproveitar para crear estas piscinas exteriores de acceso gratuíto. O voceiro do BNG-AA dixo que esta é unha das propostas que “entendemos encaixa no proxecto Muramiñae que se vai financar cos fondos europeos do programa EDUSI”. Arroxo sinalou que “entendemos que esta actuación se podería aproveitar destes fondos, pero será responsabilidade do Goberno Local a administración que se faga dos fondos do EDUSI e que tipo de actuacións pretenden financiar con eles”.
A creación de piscinas termais públicas exteriores suporía “a creación destes espazos suporía un atractivo máis no entorno do balneario e a ponte romana que estaría activo durante todas as épocas do ano”. Rubén Arroxo sinalou que en Ourense xa existen piscinas deste tipo que teñen un grande éxito entre a poboación local e que atraen a multitude de visitantes. O complexo de A Chavasqueira foi o primeiro dos postos en marcha no concello de Ourense que depois completou a súa oferta con outras zonas termais públicas no entonro do río Miño. Arroxo dixo que “en Lugo é perfectamente realizable por que existen betas de auga quente que se están perdendo de utilizar”.
“O BNG-AA xa incluira esta proposta nos seus programas electorais e este momento de poder efectivizala grazas aos fondos europeos do Plan EDUSI” sinalou Arroxo. Esta proposta non é unha novidade xa que o BNG defendeu, dende fai tempo, esta actuación xunto con outras, como a zona pública de baño ou un centro de interpretación do río Miño, para poñer en valor a zona fluvial de Lugo e convertela nun atractivo máis para lucenses e visitantes.