A ACTUACIÓN, QUE SAIRÁ A LICITACIÓN POR 147.677,77€, INCLUIRÁ A MELLORA DA ACCESIBILIDADE NA ZONA E DO ALUMEADO PÚBLICO
Infraestruturas aplicará o modelo de plataforma única na zona de Fingoi de Abaixo
Rubén Arroxo: "este modelo que demostrou a súa viabilidade en rúas estreitas, e mellorará as condicións destas rúas, que en moitos casos non chegan a cubrir o ancho mínimo esixido pola lexislación"
Lugo, 13 de abril de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou que mañá se aprobará a transformación de Fingoi de Abaixo. "Trátase dun proxecto importante para a mellora da accesibilidade no barrio, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, dado que se trata dunha zona na que o tráfico maiormente é residencial", explicou Rubén Arroxo. O modelo de Plataforma Única, permitirá adicar o espazo ao tránsito peonil, sen afectar á dispoñibilidade de prazas de estacionamento.
Na actualidade, as beirarrúas da zona non chegan a cubrir o ancho mínimo esixido pola lexislación, e o asfalto conta cunha banda de rodadura moi deteriorada, o que afecta tanto á seguridade viaria como á capacidade de evacuación de augas pluviais.
A Xunta de Goberno Local aprobará mañá a apertura do procedemento de licitación desta actuación, que terá un orzamento máximo de 147.677,77€ e un prazo de execución de 4 meses. Xunto coa transformación da zona, renovarase tamén o alumeado público, avanzándose na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual.
Rubén Arroxo explicou que "o novo alumeado mellorará a seguridade da zona, ao contarse cun novo alumeado máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético".