A EDIL DE EDUCACIÓN AFIRMOU QUE "AULAS E ESPAZOS DE TRABALLO DO PROFESORADO SEGUEN SEN PODER UTILIZARSE CO CURSO XA INICIADO, O QUE IMPIDE O BO DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE NO CENTRO"
Iria Buide e Alexandre Penas apoian ao profesorado do IES Lucus Augusti "ante unha nova obra da Xunta executada a medias"
A edil de Educación afirmou que "aulas e espazos de traballo do profesorado seguen sen poder utilizarse co curso xa iniciado, o que impide o bo desenvolvemento da actividade no centro"
Iria Buide: "Mentres desde o Concello tratamos de mellorar os servizos ás familias, a Xunta segue a recortar o seu investimento en educación"
A concelleira de Educación reclamou á Xunta "que traballe con celeridade para recuperar a conexión en autobus do IES Sanxillao"
Lugo, 12 de setembro de 2025. A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, acompañada polo concelleiro Alexandre Penas, asistiron á concentración convocada polo prfesorado do IES Lucus Augusti para reclamar á Xunta que remate as obras no centro "e permita o uso normal de todos os espazos". Actualmente, algunhas aulas do centro e espazos de traballo para os profesores, seguen inhabilitados por mor das obras que se ían executar durante o verán, "o que impide que a actividade no centro se execute de forma habitual", explicou Iria Buide.
A concelleira de Educación apoiou tamén a reclamación das familias afectadas polo recorte no transporte escolar do IES Sanxillao e reclamou á Xunta "unha solución rápida a unha problemática que afecta a moitas familias de Lugo". A edil de Educación criticou o movemento da Xunta de Galiza: "un ano máis, co inicio de curso, chegan os recortes en servizos, sen avisar, impedindo que as familias poidan organizarse", explicou Buide, que engadiu "mentres que cada ano desde o Concello intentamos mellorar os servizos que prestamos, a Xunta segue a recortar e a complicar a conciliación".
A concelleira de Educación destacou que este ano o Concello de Lugo prestará servizo de madrugadoras e madrugadores en todos os centros, "un esforzo que realizamos desde o Concello para facilitar a conciliación familiar, aínda que nos supoña un custo engadido nun servizo que a Xunta sempre deixou de lado malia ser a súa responsabilidade". Iria Buide destacou que "O Concello de Lugo cubre servizos para que as familias lucenses poidan conciliar mentres que o Partido Popular cada ano merma a calidade dos poucos servizos que presta directamente".
Iria Buide afirmou que as veciñas e veciños de Lugo teñen dereito a "un ensino non universitario gratuíto", e afirmou que é responsabilidade da Xunta "facilitar os servizos de transporte escolar ás veciñas e veciños que o precisen".