BUIDE MANTIVO UN ENCONTRO CO PERSOAL DE DIRECCIÓN DAS CATRO ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS DE LUGO
Iria Buide: "Cada ano facemos fronte a 2.713.715€ en competencias que son da Xunta de Galiza"
A concelleira de Educación puxo en valor o esforzo municipal mantemento dos centros educativos
Buide mantivo un encontro co persoal de dirección das catro Escolas Infantís Municipais de Lugo
Buide mantivo un encontro co persoal de dirección das catro Escolas Infantís Municipais de Lugo
13 feb. 2026 - 11:42
Lugo, 12 de febreiro de 2026. A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, afirmou que o Concello de Lugo fai cada ano un "importante esforzo económico e administrativo" para manter "unha serie de servizos que son competencia da Xunta de Galiza, mais dos que esta administración se desentende". Os orzamentos municipais do 2026 inclúen partidas por un total de 2.713.715,42 € en competencias como os comedores escolares e escolas infantís municipais.
Buide, que hoxe mantivo un encontro de traballo co persoal de dirección das catro escolas infantís municipais, afirmou que "sen contar o persoal, estas catro infraestruturas supoñen un investimento para este ano de 1.627.758,19 €", mentres que a aportación do Concello á Escola Galiña Azul é de 120.000€. A rede de escolas infantís municipais conta con catro instalacións repartidas polas distintas zonas da cidade. A rede conta con centros na Piringalla (EIM María Wonenburger), San Fiz (EIM Luís Soto Menor), Fontiñas (EIM Gregorio Sanz) e no Castiñeiro (EIM Serra de Outes).
A concelleira tamén puxo o foco no esforzo que realiza o Concello en materia de comedores escolares: “O Concello vai destinar 1.062.696 euros aos comedores escolares, un servizo que é competencia da Xunta". Buide afirmou que o Concello "non vai deixar ás nenas e nenos sen comedor, mais a Xunta está a deixar de lado unha competencia propia”.
"Seguiremos reclamando á Xunta que asuma as súas competencias e deixe de descargalas nos concellos, facendo que a administración local realice importantes esforzos para non deixar ás veciñas e veciños sen servizos moitas veces esenciais para a conciliación familiar", sentenciou Iria Buide.