ARROXO: “CONVIDAMOS A TODA A VECIÑANZA A ACHEGARSE Á FESTA DO QUEIXO, QUE CUMPRE MÁIS DE MEDIO SÉCULO CUN PROGRAMA AMPLO, DIVERSO E PARA TODOS OS PÚBLICOS”

Os concellos de Lugo e Arzúa promocionan a 51ª edición da Festa do Queixo

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e o alcalde de Arzúa, Xesús Carril, presentaron a feira, que se celebrará os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo

Arroxo: “Convidamos a toda a veciñanza a achegarse á Festa do Queixo, que cumpre máis de medio século cun programa amplo, diverso e para todos os públicos”
Os concellos de Lugo e Arzúa promocionan a 51ª edición da Festa do Queixo



Lugo, 12 de febreiro de 2026. O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e o alcalde de Arzúa, Xesús Carril, presentaron a 51ª edición da Festa do Queixo, unha das grandes citas gastronómicas e culturais de Galiza, que terá lugar en Arzúa os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo.

Nesta nova edición, a programación combinará tradición e actualidade cun amplo abano de actividades: feira do queixo, concurso de tapas e petiscos, animación de rúa, showcookings, actividades infantís, torneo de xadrez, carreira Terra do Queixo e concertos.

No apartado musical, o sábado 28 de febreiro actuarán Dorian, Dakidarría, Dulzaro, Cool Nenas e Dogo, mentres que o domingo 1 de marzo será a quenda de Budiño, Ialma e M.J. Pérez, que presentará o seu novo disco. Todos os concertos celebraranse nun recinto aberto, con acceso libre a todas as actividades e espectáculos.

Xesús Carril destacou que “neste 51º aniversario queremos que persoas de todas as idades e de toda Galiza se sintan convidadas a participar dunha festa que une gastronomía, cultura e identidade”.

Pola súa parte, Rubén Arroxo puxo en valor a colaboración entre institucións para dar proxección á celebración e animou á veciñanza lucense a desprazarse ata Arzúa para “vivir unha fin de semana de música, sabor e tradición nun ambiente aberto e participativo”.

A Festa do Queixo reafírmase así como un evento interxeracional e accesible, que continúa medrando e consolidándose como unha referencia no calendario festivo galego.

 

A programación completa pode consultarse na web https://www.festadoqueixo.org

Os concellos de Lugo e Arzúa promocionan a 51ª edición da Festa do Queixo