OS CONCURSOS DE DISFRACES TERÁN LUGAR NA TARDE DO SÁBADO 14 (CATEGORÍA INFANTIL) E O MARTES 17 (CATEGORÍA ADULTA)

José Blázquez inaugura as actividades do Entroido dende a praza Maior de Lugo

O pregón celebrouse na praza Maior "para facilitar a participación da veciñanza"

Os concursos de disfraces terán lugar na tarde do sábado 14 (categoría infantil) e o martes 17 (categoría adulta)

 
José Blázquez inaugura as actividades do Entroido dende a praza Maior de Lugo


Lugo, 13 de febreiro de 2026. O artista lucense José Blázquez foi o pregoeiro que deu comezo ás actividades do Entroido organizadas pola Tenencia de Alcaldía. O pregón volveu un ano máis á praza Maior, dentro da iniciativa posta en marcha pola edil de Cultura, Maite Ferreiro, co obxectivo de "facilitar a participación da veciñanza no acto de inicio do Entroido".

A concelleira de Cultura destacou a "importancia" de "crear un ambiente alegre e desenfadado, fomentando a unión dos e das lucenses a través do humor, contribuíndo tamén á diversidade de expresións culturais durante a festa do Entroido" para o inicio desta festa. Maite Ferreiro quixo facer fincapé no disfraz dos membros da Tenencia de Alcaldía, "un guiño ao eclipse solar que se poderá ver desde Lugo o vindeiro 12 de agosto, como unha das ubicacións máis privilexiadas para desfrutar deste evento".

A fin de semana de Entroido comezará o sábado 14 con "AUCHH!" de Abraham Arzate na praza Maior, a partir das 12:30, e pola tarde co desfile infanti (17h), que contará coa animación da Tambukda e "Malabarabilidades" a cargo de Fran Boza. A partir das 20:30, a Tambukda animará as rúas do casco histórico. O domingo 15 pola mañá a praza Maior acollerá o espectáculo "Frikis" de Mundo Costrini a partir das 12:30 e pola tarde, a partir das 18h celebrarase a Gala de circo Introitus, coas actuacións de Pakolas, Marta Sempre Arriba, Henriko e Martilda.

O luns 16 a xornada comezará ás 12:30 co espectáculo "Máximo Óptimo" de Máximo na praza Maior. Pola tarde o Dúo Laos representará "Otros Aires" a partir das 18h na praza Maior e a partir das 21:30 a animación de rúa continuará no casco histórico coa actuación do Bloco Meigallo.

O Martes de Entroido contará con Brais das Hortas e o seu espectáculo "Consertasso na horta" a partir das 12:30 na praza Maior, e pola tarde será a quenda do desfile de disfraces para persoas adultas, a partir das 17h, coa actuación de Tambukda e Carta de ajuste.

A xornada de peche do entroido, o mércores 18 de febreiro, será a quenda de Arturo Cobas co seu espectáculo "O mundo de Nono". Pola tarde, as actividades continuarán ás 17:30 cun Concerto de Banda e Coro infantil da banda Filharmónica de Lugo, e o entroido pechará a partir das 20:00 co Enterro da Sardiña e o concurso de ferretes. A actividade sairá do Círculo das Artes e conta coa colaboración de Estoupacaldeiros e as actuacións de Orquesta Terra Nova e Orfeón Xoan Montes.
José Blázquez inaugura as actividades do Entroido dende a praza Maior de Lugo