ARROXO: "ESTAMOS TRABALLANDO PARA QUE LUGO SEXA REFERENTE CUN SERVIZO QUE PERMITIRÁ COMUNICAR AS ZONAS RURAIS QUE NON CONTAN CON BUS URBANO"
Rubén Arroxo anuncia que a veciñanza poderá desfrutar do transporte a demanda no rural a partir do vindeiro luns 16 de febreiro
O servizo comunicará con 4 frecuencias diarias os núcleos de As Regas, O Pondelo, Labio e Vilachá co HULA de luns a vneres
Arroxo: "Estamos traballando para que Lugo sexa referente cun servizo que permitirá comunicar as zonas rurais que non contan con bus urbano"
Arroxo: "Estamos traballando para que Lugo sexa referente cun servizo que permitirá comunicar as zonas rurais que non contan con bus urbano"
16 feb. 2026 - 08:44
Lugo, 14 de febreiro de 2026. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que o vindeiro luns comezará a funcionar o servizo municipal de transporte rural a demanda, "un servizo pioneiro que converterá a Lugo na segunda cidade galega en contar con transporte público nas zonas nas que non pode chegar o transporte urbano ou metropolitano".
O servizo funcionará de luns a venres comunicando os núcleos de Vilachá, Labio, O Pondelo e As Regas, con 4 frecuencias diarias, chegando ata Sindicatos (8:35, 12:35, 16:25 e 20:55) e ata o HULA (8:25, 12:35, 16:15 e 20:45). A veciñanza só pagará os 0,64€ que custaría unha viaxe en bus urbano "nun servizo que funciona de xeito moi similar: liñas, horarios e paradas como o bus, sempre que haxa demanda", dixo o Tenente Alcalde.
Rubén Arroxo destacou que a proba piloto funcionará durante os vindeiros meses e permitirá "coñecer as necesidades e o uso que a veciñanza faga deste servizo, para poder seguir a planificar a posta en marcha do transporte a demanda en máis parroquias". O Tenente Alcalde destacou que o proceso incluíu diversas xuntanzas coas asociacións veciñais e cos colectivos de taxistas "como paso previo á posta en marcha da proba nestes catro núcleos".
O plan piloto do transporte municipal a demanda no rural conta cun orzamento de 15.000€, e manterase en funcionamento ata que se esgote o orzamento. A Tenencia de Alcaldía utilizará esta proba para coñecer o uso que da a veciñanza do servizo e adiantarse "aos distintos retos que aparecerán coa posta en marcha definitiva. Rubén Arroxo afirmou que a área de Mobilidade traballará "para que as veciñas e veciños conten cun servizo que está chamado a converterse en algo moi importante para o rural", e engadiu "queremos ir paso a paso, obtendo información a través desta proba para conseguir un servizo funcional para as veciñas e veciños".
As veciñas e veciños dos núcleos nos que se pon o servizo en marcha poderán facer a solicitude do servizo chamando ao 982 213 377 antes das 22 horas do día anterior. Deste xeito, Lugo aumenta os servizos ofertados ás veciñas e veciños do rural, unha medida que permite contar con transporte público en máis zonas dado que, segundo explicou Arroxo, "sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible".