ARROXO: "MANTEMOS UN CONTACTO PERMANENTE COAS ASOCIACIÓNS PARA DETECTAR NECESIDADES CON RAPIDEZ E OFRECER RESPOSTAS EFICACES"
Rubén Arroxo e Cristina López continúan a rolda de visitas polos locais veciñais cun encontro en Galegos
Arroxo: "Mantemos un contacto permanente coas asociacións para detectar necesidades con rapidez e ofrecer respostas eficaces"
Lugo, 16 de febreiro de 2026. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira da área de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron o local da Asociación de Veciños de Galegos co obxectivo de comprobar o seu estado actual e escoitar de primeira man as peticións e necesidades trasladadas polos veciños e veciñas.
Durante a visita estiveron acompañados pola presidenta da Asociación, por outros veciños e veciñas do barrio e tamén por técnicos municipais, que puideron avaliar sobre o terreo as cuestións expostas e analizar posibles actuacións de mellora. O encontro permitiu coñecer con detalle a situación do local e as principais demandas da veciñanza usuaria deste espazo.
Os locais sociais son propiedade da Tenencia de Alcaldía, que mantén un contacto constante coas distintas asociacións veciñais da cidade para facer seguimento do seu estado e garantir que conten cos recursos necesarios para o correcto desenvolvemento da súa actividade. O obxectivo é asegurar o benestar das persoas usuarias e que estes espazos continúen sendo puntos de encontro e dinamización social nos barrios.
Rubén Arroxo destacou que "os locais sociais son fundamentais para facer barrio e fortalecer o tecido asociativo, polo que dende a Tenencia de Alcaldía mantemos unha comunicación permanente coas asociacións para coñecer de primeira man calquera necesidade e actuar con axilidade". O Tenente Alcalde engadiu que "o diálogo directo coa veciñanza e coas directivas é clave para garantir que estes espazos estean nas mellores condicións posibles e respondan ás necesidades reais do barrio".
Pola súa banda, Cristina López lembrou que desde a Área de Participación se traballa activamente na dinamización destes espazos, dotándoos de programación estable ao longo do ano. Así, impártense cursos e obradoiros de distintas temáticas como cestería, poda, repostería e outras propostas formativas que fomentan a participación, a aprendizaxe e a convivencia entre veciños e veciñas.
A Tenencia de Alcaldía reafirma así o seu compromiso co movemento asociativo e co mantemento dos locais sociais como espazos vivos, útiles e adaptados ás necesidades da cidadanía.