IRIA BUIDE DESTACOU QUE ESTA PROGRAMACIÓN "PERMITE ÁS E AOS ESTUDANTES COÑECER Á BANDA MUNICIPAL E OS DISTINTOS INSTRUMENTOS QUE CONFORMAN ESTA AGRUPACIÓN"
Iria Buide e Maite Ferreiro visitan os Concertos Didácticos da Banda Municipal, que comezaron hoxe no CEIP Luís Pimentel
Iria Buide destacou que esta programación "permite ás e aos estudantes coñecer á Banda municipal e os distintos instrumentos que conforman esta agrupación"
Lugo, 15 de maio de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a responsábel de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, visitaron o CEIP Luís Pimentel, onde comezou o ciclo de Concertos Didácticos da Banda Municipal. Iria Buide afirmou que esta iniciativa "achega a música ás crianzas e fomenta o coñecemento e a sensibilidade artística nos centros educativos da cidade".
Iria Buide destacou que estes concertos "permiten garantir o acceso á música e á cultura desde as idades máis temperás". A concelleira subliñou ademais que "este ciclo permite que as e os estudantes dos diferentes centros educativos teñam a oportunidade de escoitar e interactuar coa Banda, coñecendo de primeira man os instrumentos, os estilos e o traballo colectivo que require unha formación musical deste tipo".
O programa dos Concertos Didácticos desenvolverase entre maio e xuño, cun total de 14 concertos en centros de ensino infantil e primaria, chegando á práctica totalidade das nenas e nenos de Lugo. As actuacións adaptaranse aos diferentes ciclos educativos.