BUIDE: "ESTA XUNTANZA É UN ESPAZO DE DEBATE E ANÁLISE DA COMUNIDADE EDUCATIVA QUE BUSCARÁ O BENEFICIO DO ESTUDANTADO E DA MOCIDADE DE LUGO"
Iria Buide preside unha nova xuntanza do Consello Escolar Municipal
Buide: "Esta xuntanza é un espazo de debate e análise da comunidade educativa que buscará o beneficio do estudantado e da mocidade de Lugo"
A concelleira de Educación trasladou ao organismo o éxito da recuperación das actividades no Parque Infantil de Tráfico, e afirmou que "o abandono da Xunta de Galiza ás súas competencias en materia educativa supón un importante esforzo tanto económico como administrativo para o Concello de Lugo"
Lugo, 09 de xuño de 2025. A concelleira de Educación e Difisión do Coñecemento, Iria Buide, presidiu unha xuntanza do Consello Escolar Municipal, "o órgano no que se integran os sectores sociais implicados na educación". Iria Buide explicou que "este órgano é un importante espazo de debate, análise e encontro da comunidade educativa, que serve para coordinar accións de todos os obrantes da acción educativa en beneficio do estudantado e a infancia e mocidade de Lugo.
A concelleira de Educación anunciou que o organismo aprobou hoxe unha actualización do seu regulamento, modificando o aprobado na súa constitución no ano 1997. Buide anunciou que "algúns cambios son engadir aos movementos de renovación pedagóxica e simplificar o procedemento de selección de membros do estudantado".
Buide trasladou a esta xuntanza os plans de actuación a desenvolver dende a Concellería de Educación. A principal liña segue a ser o mantemento dos centros educativos e a prestación de axudas a familias con baixos recursos "para garantir que, independentemente da situación económica familiar, todas as nenas e nenos poidan asistir ao colexio con todo o material preciso", afirmou Maite explicou a concelleira. Na actualidade, o Concello de Lugo asume unha serie de competencias en educación "debido ao abandono da Xunta, que deixa de lado as súas responsabilidades en servizos como escolas infantís, comedores escolares, axudas para libros de texto ou actividades extraescolares", afirmou Buide, que engadiu "isto supón anualmente un importante esforzo tanto económico como administrativo para o Concello de Lugo".
O Consello Escolar Municipal conta coa participación, ademais de Iria Buide como representante da Concellería de Educación, de persoal técnico da concellería de Educación, o Secretario do Pleno e un técnico de Enxeñaría, xunto con tres representantes da Inspección Educativa e da Consellería de Educación da Xunta de Galiza. Por parte da comunidade educativa asiste un representante dos centros de educación infantil, dous de educación primaria, dous de secundaria e un en representación do ensino privado. O profesorado está representado cun total de 10 persoas neste organismo, que conforman o organismo xunto con 6 representantes das familias e 4 estudantes de educación secundaria.