O VOCEIRO DO BNG SINALOU QUE PRESENTARÁ UNHA SERIE DE PREGUNTAS PARA O GOBERNO MUNICIPAL ACLARE ESTA SITUACIÓN

Os lodos e residuos da depuradora de Lugo poderían ir a un vertedoiro irregular de Santiago

vertedoiro
Vertedoiro en Grixoa - Santiago de Compostela

“Se esto é así, o concello de Lugo estaría pagando pola xestión duns residuos que rematarían nunha canteira abandonada reconvertida en vertedoiro” afirmou Arroxo

Os lodos e residuos da depuradora de Lugo poderían ir a un vertedoiro irregular de Santiago

Lugo, 23 de maio 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou hoxe a presentación dunha serie de preguntas para aclarar cal é o destino final dos lodos e residuos que saen da Estación Depuradora de Augas Residuais do concello de Lugo. Arroxo informou que “recentemente destapouse a existencia dun vertedoiro con numerosas deficiencias de xestión no Concello de Santiago, concretamente na parroquia de Grixoa, e alí poderían acabar residuos e lodos da depuradora de Lugo”.

Segundo destapou o BNG-AA, neste vertedoiro estanse depositando todo tipo de residuos procedentes de moitos puntos de Galiza e existen fundadas sospeitas de que non se están realizando os protocolos necesarios. Arroxo lembrou que “o concello de Lugo está pagando cantidades importantes para que se fagan estes tratamentos pero podería estar a cometerse un fraude importante con esta cuestión”. “Queremos saber cal é o destino final dos lodos que saen da estación depuradora de augas residuais de Lugo” dixo Arroxo.

O BNG-AA preguntará, tamén, pola empresa que se encarga da retirada dos lodos da EDAR de Lugo para a súa xestión e polos controles que está realizando o concello de Lugo sobre as empresas que están realizando a xestión dos lodos e residuos que saen da EDAR. “Imos preguntarlle ao goberno municipal se ten constancia de cal é o destino final dos lodos e residuos que saen da EDAR de Lugo” dixo Rubén Arroxo que sinalou que “entendemos que o concello debe recibir documentación no que se certifique cal é o procedemento que se aplica á xestión dos lodos e residuos que saen da EDAR de Lugo”.

Arroxo dixo que o BNG recibiu información, tanto en Santiago como en Lugo, de que son varias as empresas que están a verter residuos neste lugar que foi unha antiga canteira. A canteira non conta coas condicións para que se depositen alí determinados verquidos e non existe un control de que é o que se deposita alí. “Segundo as persoas informantes podería haber vertidos de todo tipo e algúns farianse polas noites” sinalou Arroxo que advertiu “lodos e residuos da depuradora de Lugo poderían ir parar a este vertedoiro se recibir ningún tipo de tratamento nin control”.

 

Os lodos e residuos da depuradora de Lugo poderían ir a un vertedoiro irregular de Santiago