“NESTE ANO O GOBERNO NON FOI CAPAZ NIN DE SACAR ADIANTE AS SÚAS PROPIAS PROPOSTAS” ASEGUROU RUBÉN ARROXO
Os lucenses perderán os 400.000 euros que estaban destinados para os orzamentos participativos 2016
Arroxo sinalou que en cultura tampouco se están a executar os orzamentos e lamentou que “periguen iniciativas como os Cantos de Nadal que foran impulsados polo BNG”
Lugo, 11 de novembro 2016. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, sinalou hoxe o feito de que non se teñan convocado os orzamentos participativos para este ano 2016 “a pesares de que nos orzamentos municipais destinouse unha cantidade de 400.000 euros”. “Sabemos que os gobernos do PSOE sempre xogan a orzamentar cousas que despois non executan pero neste caso son as veciñas e os veciños de Lugo os que perderán os beneficios sociais que eses 400.000 € lles podían reportar a través das súas propias propostas nos orzamentos participativos”.
Arroxo lembrou que “sempre fomos críticos co plantexamento que o goberno socialista fixo destes orzamentos por que entendemos que é preciso outro xeito de canalizar as decisións veciñais e sectoriais para garantir a efectividade dos investimentos” e engadiu “pero é sorprendente que non se fixera absolutamente nada despois de orzamentar unha cantidade tan importante”. En xuño do ano 2015 a concelleira responsable dos orzamentos participativos deu conta dos proxectos aprobados para ese ano e dende aquel momento a única acción a este respecto foi a de colocar 400.000 euros nos orzamentos do ano 2016 que non se executarán.
Para o BNG-AA “non é normal o que está a suceder con este goberno municipal que ignora as propostas e os compromisos que adquire co resto dos grupos pero tampouco son capaces de cumprir consigo mesmos” e Arroxo asegurou que “neste ano o goberno non foi capaz nin de sacar adiante as súas propias propostas”. Arroxo dixo que os orzamentos participativos están a funcionar con grande éxito noutros concellos como é o caso de San Sadurniño.
Paralización no departamento de cultura
Arroxo sinalou que en cultura tampouco se están a executar os orzamentos e lamentou que “periguen iniciativas como os Cantos de Nadal que foran impulsados polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno e que agora perigan pola falta de interese deste goberno”. Arroxo lembrou a deixadez do goberno municipal no referente á área de cultura “un departamento do que se acaba de xubilar a súa xefa de servizo e en breve xubilarase o director da Banda de Música sen que se esté a facer nada para cubrir estes dous postos fundamentais”.