“OS DATOS QUE FACILITA A POLICÍA LOCAL SON ROTUNDOS E CONFIRMAN A NECESIDADE DE APOSTAR, CON SERIEDADE, POR UN CALMADO DO TRÁFICO” DIXO RUBÉN ARROXO
En Lugo houbo 343 atropelos dende o 2011 e máis da metade foron en pasos de peóns
Un informe afirma que con limitacións da velocidade a 30 km/h poderían evitarse o 85 % dos accidentes, no caso de Lugo serían 291 atropelos os que se terían evitado
“Os datos que facilita a policía local son rotundos e confirman a necesidade de apostar, con seriedade, por un calmado do tráfico” dixo Rubén Arroxo e explicou que “existe un informe da Fundación Instituto Tecnolóxico para a Seguridade do Automóbil que sinala que cunha redución do limite de velocidade a 30 km/h terianse evitado, antes de que se produzan, o 85% daqueles accidentes nos que a persoa que conduce o vehículo percibe unha situación de conflito”.
“No informe emitido pola policía local queda reflectida unha certa continuidade no número de atropelos neste cinco anos e hai que facer algo para disminuilos” afirmou Arroxo. Para o BNG – AA “o goberno municipal debería ter estudado estes datos e iniciar a posta en marcha de medidas para reducir este tipo de sinistros”. O BNG – AA leva tempo propoñendo medidas de calmado do tráfico na cidade e apostando pola peonalización total do recinto amurallado e da ronda da Muralla “ata agora non se fixo nada máis que anuncios mediaticos que non supoñen ningunha mellora efectiva” dixo Arroxo.
Segundo os datos recollidos no informe o número do atropelos no ano 2011 foi de 56 dos cales 27 foron no pasos de peóns, no ano 2012 foi de 50 dos cales 24 foron no pasos de peóns, no ano 2013 foi de 58 dos cales 41 foron no pasos de peóns, no ano 2014 foi de 61 dos cales 42 foron no pasos de peóns, no ano 2015 foi de 57 dos cales 31 foron no pasos de peóns, no ano 2016 foi de 61 dos cales 24 foron no pasos de peóns. Rubén Arroxo significou que “a pesares de que non hai un aumento espectacular do número de accidentes, é certo que tampouco houbo unha redución”.
No informe da Policía Local solamente se reflicten dous atropelos mortais, ámbolos dous en pasos de peóns, nos anos 2012 e 2016. Rubén Arroxo dixo que o informe non recolle outras vítimas mortais nas que no proceso xudicial non quedou demostrada a causa da morte ou que faleceron varios días despois do accidente. Arroxo dixo que “afortunadamente o número de vítimas mortais non é moi elevado en calquera caso pero debemos de traballar para que sexa cero nos vindeiros anos”.