MAITE FERREIRO DESTACOU A FIGURA "MODERNA, PODEROSA E VALENTE" DE ROSALÍA, QUE A CONVERTEN "NUNHA DAS MELLORES FIGURAS QUE NOS DEFINEN COMO POBO"

Lugo lembra a Rosalía no 187 aniversario do seu nacemento

As concelleiras e concelleiros do Goberno de Lugo participan nos actos do Día de Rosalía organizados pola área de Cultura e a AELG

Maite Ferreiro destacou a figura "moderna, poderosa e valente" de Rosalía, que a converten "nunha das mellores figuras que nos definen como pobo"

Lugo lembra a Rosalía no 187 aniversario do seu nacemento

 

Lugo, 23 de febreiro de 2024. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega realizaron hoxe en Lugo un acto con motivo do Día de Rosalía, celebrando o 187 aniversario do nacemento da poeta na praza Maior. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a figura "moderna, poderosa e valente" de Rosalía, e afirmou que isto converte á poeta "nunha das mellores figuras que nos definen como pobo".

"Rosalía foi pioneira na defensa da nosa lingua, pioneira na defensa dos dereitos e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e por iso é preciso lembrar a esa Rosalía feminista, inconformista, e rebelde que rompeu moldes e que hoxe sigue sendo un referente", afirmou a concelleira de Cultura.

O acto contou coa tradicional ofrenda a Rosalía e a lectura do manifesto da AELG polo Día de Rosalía, escrito por Carlos Callón. Despois, realizouse a lectura pública de poemas de Rosalía, onde tamén participou parte do alumnado co colexio Rosalía de Castro.

Pola tarde, a programación do Día de Rosalía amplíase cos concertos de 'As literatas para Rosalía de Castro', organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e en colaboración coa mesma área do Concello. As artistas galegas Belém Tajes, Antía Muíño e M.J. Pérez actuarán na Capela de Santa María a partir das 19.00 horas, con cancións en honra á obra da escritora galega.

Día de Rosalía 2024

O Día de Rosalía celébrase este ano por segunda vez no 23 de febreiro, despois de que a Fundación Rosalía de Castro propuxera mudar a data debido ao recente descubrimento da investigadora Sagrario Abelleira, que correxiu a data de nacemento da poeta.

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. 

Lugo lembra a Rosalía no 187 aniversario do seu nacemento