O PREGÓN CELEBRARASE NA PRAZA MAIOR, "UNHA INICIATIVA QUE PUXEMOS EN MARCHA PARA FACILITAR A ASISTENCIA DA VECIÑANZA AO INICIO DA CELEBRACIÓN DO ENTROIDO"
Máis de 20 actividades dan forma á programación do Entroido 2024 da Tenencia de Alcaldía
O pregón celebrarase na praza Maior, "unha iniciativa que puxemos en marcha para facilitar a asistencia da veciñanza ao inicio da celebración do Entroido"
Os concursos de disfraces terán lugar na tarde do sábado 10 (categoría infantil) e o martes 13 (categoría adulta)
Lugo, 17 de xaneiro de 2024. O Alcalde en Funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e á concelleira de Participación, Cristina López, presentou a programación elaborada polo Concello de Lugo para o Entroido 2024. Ferreiro destacou que "para facilitar a participación da veciñanza", o pregón do Entroido terá lugar na praza Maior, "repetindo a iniciativa posta en marcha hai dous anos e que foi un gran éxito".
O Pregón, que terá lugar a partir das 20 horas do venres 9 de febreiro, contará con gradas para facilitar a visibilidade e cunha pantalla xigante. No caso de choiva, a área de Cultura habilitará unha carpa. A animación musical do pregón correrá a cargo de Condensadores de Fluzo, e, a partir das 21:30, o recinto histórico encherase coa animación musical da charanga Louband.
A partir do día 2 de febreiro e ata o día 12, celebrarase o Mercado de Produtos Tradicionais propios desta época de Entroido, onde as cachuchas e os cimos inundarán o Mercado Tradicional dos martes e venres na Praza de Abastos. Ademais, o día 3 recupérase a Feira de Nadela, cun mercado con máis de 70 postos con produtos típicos e con concurso de disfraces.
O sábado 10 a animación comezará a partir das 12:30 con Peterpunk e o neno imperdible, da compañía As Monchas, na praza Maior, e a partir das 17:00 terá lugar o concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Tambukda e Patty Difusa, e a partir das 21:30, Bloco Meigallo estará no recinto histórico.
O domingo 11 a praza Maior acollerá a partir das 12:30 a A Vela Circo co seu espectáculo O último, e o luns 12 chegará á praza Maior a gala de circo Introitus, coas actuacións de Kanbahiota, Lila Star, Isla Letriska e Paco Nogueiras, continuando as actividades ás 20:00 coa actuación de Bloco Meigallo e o 22 con Unión Phenosa polo recinto histórico.
O día 13, entre as 11:00 e as 14:00, e á tarde entre as 16:00 e as 19:00 celebrarase a segunda edición da Festa da Filloa na rúa Quiroga Ballesteros, mentres que a animación continuará na xornada de mañá co espectáculo Rogelio, un paiaso en recuperación na praza Maior. Na xornada de tarde, tera lugar o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Tambukda.
As actividades do Entroido rematarán o mércores 14 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro. Ademais, con actividade previa, celebrarase na fin de semana do 3 ao 4 de febreiro unha nova edición do campionato estatal de futbolín no soto da Praza de Abastos.