"ACHEGAMOS A CULTURA A TODA A VECIÑANZA FACILITANDO ACTIVIDADES GRATUÍTAS NUN EVENTO COMPLETAMENTE CONSOLIDADO NA AXENDA CULTURAL DE LUGO", AFIRMOU MAITE FERREIRO
Maite Ferreiro anuncia un concerto de Jazz gratuíto para toda a veciñanza enmarcado na XXXIII edición do Festival de Jazz de Lugo
"Achegamos a cultura a toda a veciñanza facilitando actividades gratuítas nun evento completamente consolidado na axenda cultural de Lugo", afirmou Maite Ferreiro
O concerto Música Imaginaria, de Baldo Martínez Sexteto, será de acceso gratuíto retirando invitación previa na caseta do Festival ubicada no fondo da praza Maior
Lugo, 12 de novembro de 2023. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou un concerto gratuíto organizado dentro do XXXIII Festival de Jazz de Lugo. A edil de Cultura explicou que "con esta iniciativa buscamos achegar a cultura a toda a veciñanza, organizando actividades gratuítas que permitan o achegamento ao jazz de todas as persoas que non queiran asistir aos concertos de pago do festival". Ferreiro destacou o Festival de Jazz de Lugo como "unha actividade totalmente consolidada no calendario cultural de Lugo, que este ano chega á súa 33 edición".
O concerto Música Imaginaria, a cargo de Baldo Martínez Sexteto, terá lugar no Círculo das Artes de Lugo o xoves 16 de novembro a partir das 20:30. O acceso será gratuíto, mais será necesario retirar entrada previamente na caseta do Festival de Jazz ubicada no fondo da praza Maior.
Na súa edición de 2023 o Festival de Jazz de Vitoria outorgou carta branca ao músico galego Baldo Martínez para crear e desenvolver unha composición concibida como viaxe polo seu universo musical, desde o folklore máis arcaico ata a libre improvisación no seu estado máis puro, pasando polo jazz contemporáneo europeo. Música imaginaria estreouse en Vitoria coincidindo coa inauguración dos concertos en Mendizorrotza. O espectáculo, pensado para o Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz, que podemos gozar no Festival de Jazz de Lugo e que terá continuidade proximamente no Auditorio Nacional, valoriza o espazo fantástico das persoas, e, moi particularmente, dos músicos. «A imaxinación é o motor de todo o que creamos co son: a música». Para interpretar esta obra, Baldo Martínez rodeouse de seis destacados instrumentistas da escena jazzística española e portuguesa: Joâo Barradas, Andrés Coll, Julián Sánchez, Juan Saiz e Lucía Martínez.
Música imaginaria está inspirada en distintas correntes da vangarda jazz. Por unha banda, a norteamericana, con puntos de referencia como Tim Berne, Sylvie Courvoisier & Mark Feldman e a meirande parte do movemento arredor da figura de John Zorn. Por outra, correntes europeas do jazz contemporáneo nas que se encadrarían, por exemplo, os últimos traballos do batería suízo Daniel Humair, nos que o acordeón adquire grande importancia ao igual que en Música imaginaria e que constrúen unha ponte entre a música tradicional/folklórica e a música contemporánea. Neste punto cómpre citar, asemade, os casos de Jean-Louis Matinier e Vincent Peirani, quen colabora co mencionado Humair. Outros músicos influentes na susodita tendencia serían Henry Texier, Louis Sclavis e Arild Andersen.
Joâo Barradas: acordeón (Portugal)
Julián Sánchez: trompeta e fliscorno (Andalucía)
Juan Saiz: frauta e saxos (Cantabria)
Andrés Coll: vibráfono e marimba (Baleares)
Lucía Martínez: batería e outros instrumentos de percusión (Galiza)
Baldo Martínez: contrabaixo, composición e dirección (Galiza)