MAITE FERREIRO PRESENTOU AS ACTIVIDADES XUNTO CON INTEGRANTES DAS DISTINTAS ASOCIACIÓNS CULTURAIS IMPLICADAS NO SAN FROILÁN
Maite Ferreiro destaca o "importante peso" da cultura tradicional galega na programación do San Froilán 2023
A gran festa do outono galego contará novamente con actividades como o Festival de Música Tradicional, a Verbena Galega D'antes, a Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas ou o Cultura e Tradición no Camiño
Lugo, 08 de setembro de 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades relacionadas coa cultura tradicional galega organizadas dentro do San Froilán 2023. Maite Ferreiro afirmou que "a cultura tradicional galega é protagonista un ano máis da gran festa do outono galego cunha gran selección de actividades de calidade para achegar a toda a veciñanza as distintas expresións culturais que se continúan a manter e recuperar nos nosos días".
Maite Ferreiro presentou, xunto con integrantes das distintas asociacións culturais implicadas no programa do San Froilán, entre as que se atopaban Cántigas e Frores, responsábeis do XXI Festival de Música Tradicional; a asociación Oxeito, organizadores da Verbena Galega D'antes; ou a Asociación de Gaiteiros Galegos, que organiza a XXV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais.
Ferreiro destacou que a cultura tradicional galega conta, como cada ano, cun "importante peso" na programación das festas. "Como administración, é o noso deber traballar na conservación e promoción dos nosos elementos culturais máis relevantes".