FERREIRO: "ESTE ANO ASUMIMOS O OBXECTIVO DE AMPLIAR AÍNDA MÁS A ACTIVIDADE AO CONTAR CO AUDITORIO FUXAN OS VENTOS ENTRE OS ESPAZOS A PROGRAMAR"
Maite Ferreiro: "Lugo é unha das cidades con máis actividade cultural estendida durante todo o ano"

A concelleira de Cultura fixo balance do ano 2024, que pechou con 394 actividades "case dúas actividades culturais por día de media"
Ferreiro: "Este ano asumimos o obxectivo de ampliar aínda más a actividade ao contar co Auditorio Fuxan os Ventos entre os espazos a programar"
Lugo, 27 de xaneiro de 2025. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, fixo balance da actividade cultural que se celebrou en Lugo ao longo do ano 2024. Ferreiro afirmou que "seguimos a traballar para achegar a cultura a todos os públicos nos distintos espazos dispoñibles na cidade, cunha oferta variada e de calidade".
No ano 2024, as instalacións dependentes da área de Cultura acolleron 694 actividades culturais tanto nas principais instalacións - Auditorio Gustavo Freire, Vello Cárcere, MIHL - como en espazos diversos da cidade como o Círculo das Artes ou as múltiples actividades de rúa. "Isto danos que, de media, as persoas de Lugo puideron desfrutar cada día de case dúas actividades culturais, cunha oferta ampla e variada", afirmou Ferreiro, quen declarou: "para o 2025 seguimos a traballar en ampliar a oferta cultural de Lugo, ao contarmos cunha nova instalación como é o Auditorio Fuxan os Ventos".
Esta programación cultural inclúe actividades de todo tipo durante a maioría dos días da semana. Concertos, representacións teatrais, presentacións de libros, exposicións, ou faladoiros que, segundo destacou Ferreiro, "permiten á veciñanza de todas as idades adentrarse e coñecer o mundo da cultura e de todas as súas ramas".
No ano 2024, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acolleu 111 actividades organizadas directamente pola área de Cultura, onde se inclúen ciclos de teatro familiar, para público adulto e 1ª infancia, artes do movemento, maxia e circo ou música, ademais de 70 actividades organizadas por promotores privados. O Centro Cultural O Vello Cárcere e MIHL acolleron, ao longo do ano, 25 exposicións de diversos autores/as, xunto con 368 actividades culturais diversas como presentacións de libros, concertos, etc. Outros espazos acolleron 90 actividades, concertos, actuacións teatrais, circo e outras celebradas tanto ao aire libre como en recintos como o Círculo das Artes. Ademais, o Lugo Cultural organizou 30 actividades ao longo do ano.