MONTSE VALCÁRCEL E RUBÉN ARROXO VISITARON Á VECIÑANZA AFECTADA POLO PROXECTO E ANUNCIARON QUE A INICIATIVA PRESENTADA POLO BNG SE DEBATERÁ O VINDEIRO MÉRCORES 29 NO PLENO DO PARLAMENTO

O BNG leva ao Parlamento Galego o proxecto de planta de biogás planificado en Lugo

Montse Valcárcel e Rubén Arroxo visitaron á veciñanza afectada polo proxecto e anunciaron que a iniciativa presentada polo BNG se debaterá o vindeiro mércores 29 no pleno do Parlamento

O BNG facilitará a asistencia da veciñanza ao debate no Parlamento Galego

O BNG leva ao Parlamento Galego o proxecto de planta de biogás planificado en Lugo

 

 

Lugo, 26 de xaneiro de 2025. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, acompañada polo portavoz do BNG e Tenenete Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantiveron unha xuntanza coa veciñanza afectada pola planta de biometano planificada en Lugo, onde anunciaron que a iniciativa presentada polo BNG no Parlamento Galego formará parte da orde de traballos do pleno do vindeiro mércores 29.

O BNG defenderá no pleno que a Xunta retire a declaración deste proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, unha resolución que permite a simplificación e axilización de trámites administrativos.

"Desde que se publicou o proxecto e deu comezo o período de alegacións, a veciñanza dos núcleos de poboación máis próximos están a mobilizarse pola grave afectación que a posíbel construción da planta terá nos seus fogares", afirmou Montse Valcárcel, que engadiu "trátase dunha actividade potencialmente contaminante e con malos cheiros recoñecidos no propio proxecto, que vai ser instalada a moi pouca distancia das vivendas". 

Esta grave afectación recóllese expresamente no propio proxecto presentado pola empresa, que mesmo recoñece que a planta emitirá gases contaminantes así como o verquido de 76,7 m3 de augas residuais ao regato de Vilalbite, un afluente do río Miño.

"Distintos informes técnicos consideran que o actual proxecto que pretende instalarse en Coeses non ten garantías de seguridade ambiental, atendendo ao volume de auga que precisaría captar e ao tratamento dos residuos líquidos que logo serían devoltos ao río e, especialmente, na falta de eficiencia no control de cheiros", explicou a deputada do BNG, que destacou que "esta falta de seguranza tamén foi sinalada polo informe provisional emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un informe desfavorable ao proxecto por considerar que o tratamento das augas residuais e a súa posterior evacuación a través do rego de Vilalbite non ten suficientes garantías".

Segundo distintas informacións, a empresa promotora ten a intención de solicitar o financiamento do proxecto con cargo a fondos europeos, a pesar dos efectos negativos que terá para o medio e para os veciños e veciñas.

O BNG leva ao Parlamento Galego o proxecto de planta de biogás planificado en Lugo