Maite Ferreiro presenta a nova edición de 'O que queda de verán', que amplia a programación da área de Cultura
Maite Ferreiro: "Volve un ano máis a programación para publico familiar do final do verán"
'O que queda de verán' terá lugar na praza Anxo Fernández Gómez a partir das 18 horas
Lugo, 05 de xullo de 2024. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou unha nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar O que queda de verán. "Trátase dunha serie de espectáculos na rúa de teatro e circo con propostas de moi diferentes estilos", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "supón unha mostra do mellor en actividades de rúa que ofrece Galiza, o resto do estado e de propostas internacionais para desfrutar en familia".
O que queda de verán comezará o vindeiro xoves 08 de agosto na Praza Anxo Fernández Gómez, e incluirá catro espectáculos con compañías internacionais de prestixio mundial como son os arxentinos Chimichurri, xunto con actividades premiadas como Bombea de Cia La pulpa (Tarragona) premio Cucha ao mellor espectáculo no Festival internacional de Circo de Úbeda. Maite Ferreiro destacou que "a resposta do público estes últimos anos fai que un ano máis dende a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua apostemos por esta programación que enche as nosas rúas de arte e achega de xeito gratuíto a cultura a todas aquelas que se acheguen".
Para a concelleira O que queda de verán "é xa unha cita imprescindible para aquelas persoas que pasan os meses de verán na nosa cidade, xa sexan de Lugo ou visitantes dun turismo que, ano tras ano, medra na nosa cidade" por verse, incide Ferreiro, como "un lugar vivo e activo no que sempre hai algo que facer e a cultura está presente".
Programación 'O que queda de verán 2024'
8 de agosto. 18.00h. Praza Anxo Fernández Gómez.
"Royal Circ" de La finestra.
Sinopse:
Dúas peculiares personaxes (o gran malabarista e a súa "partenaire") chegan dispostos a realizar o seu asombroso espectáculo de circo. Malabares, equilibrios, música e acrobacias enchen o escenario de humor e sorpresas...
Dúas personaxes de circo antigo, cansos da súa vida errante, buscan un lugar onde instalar definitivamente o seu pequeno circo ambulante.
Durante a súa busca, levarán o seu peculiar espectáculo de malabares, humor, equilibrios, música e acrobacias a cada rincón, descubrindo, grazas á enerxía do público, que cada sitio onde actúan é bo para quedarse.
O amor, a complicidade, os celos e un sinfín máis de emocións, conseguirán facerlles ver que hai algo máis que o circo que os une.
Duración; 55 minutos.
Idade recomendada; Todos os públicos.
22 de agosto. 18.00h. Praza Anxo Fernández Gómez.
"Bombea" de La Pulpa.
Sinopse:
"O importante non é o camiño, senón con quen pelas as patacas", di o Presidente Vistaro nesta conferencia cómica chamada "¡Bombea!". A súa compañeira Esperanza, unha encantadora e xigantesca égua troyana, sorpréndenos coa súa cola de catapulta, os seus efectos de chispas e ata cunha cociña portátil! O resultado final é a comunión co espectador cocendo xuntas unha tortilla de pataca, xa que "seamos ovos ou sexamos patacas, unámonos e fagamos algo marabilloso". Torpeza, risa e dozura neste xogo entre lumes emocionais que nos anima ao optimismo e a mantermos unidos ante as adversidades. "¡Bombea!" é un espectáculo de Clown para público familiar, cunha estética elegante, tola e divertida. Fala de como nos relacionamos entre as persoas e a necesidade de coidar estes vínculos. Consigue transmitir isto e facer participar a todo o mundo nunha viaxe interxeracional cun final sorprendente.
Duración: 55 minutos.
Idade recomendada; Todos os públicos.
29 de agosto. 18.00h. Praza Anxo Fernández Gómez.
"Cualquier verdura" de Cia. Chimichurri.
Sinopse:
Todo está en equilibrio. O Home, as veces non. Como Rafael Dante.
O seu desequilibrio aseméllase ao de calquera outro. Pero o seu equilibrio non. Dun lado da balanza a técnica, a precisión, a concentración. Do outro lado o disparate, a gargallada, o imprevisto.
A partes iguais, en equilibrio... Como o humor co respecto, como o Artista sobre os seus obxetos. Coma o noso ADN na súa estrutura, ou coma o de calquera verdura...
Duración; 70 minutos.
Idade recomendada; Todos os públicos.
5 de setembro. 18.00h. Praza Anxo Fernández Gómez.
"Cruunch 2" de Muu.
Sinopse:
Volven os dous superheroes máis queridos do circo nesta nova aventura. Unha viaxe temporal aos seus comezos, volver á escola por non sacar o título. Quen non soñou con iso? Un mundo no que non es ninguén sen título. Novos inimigos, novas aventuras, novos desafíos. Un espectáculo familiar cheo de malabares, caídas, golpes, corda floxa, risas e equilibrios imposibles. Máis que nunca é tempo de superheroes.
Duración; 55 minutos.
Idade recomendada; Todos os públicos.