MAITE FERREIRO: “TRATAREMOS DE SEGUIR CO ÉXITO DA EDICIÓN DO ANO PASADO, MAIS CUMPRINDO COAS NORMAS SANITARIAS VIXENTES”
Maite Ferreiro presenta a segunda edición de O que queda de verán, que achegará a cultura a toda a familia nas tardes dos mércores
Cada mércores entre o 19 de agosto e o 9 de setembro, as familias de Lugo poderán desfrutar de espectáculos de entretemento na Canella do Hospital
Lugo, 17 de agosto de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou unha nova edición de O que queda de verán, que este ano contará con catro espectáculos nas tardes dos mércores entre o 19 de agosto e o 9 de setembro. “Desde a área de Cultura queremos continuar co programa do ano pasado, que foi un éxito de acollida entre as familias de Lugo, máis adaptándoo ás novas condicións derivadas da crise sanitaria vixente”.
Para asistir ás actividades, será preciso contar cunha entrada que se poderá retirar gratuitamente no portal entradaslugo.es. Cada persoa poderá coller como máximo dúas entradas, que estarán á disposición das familias desde unha semana antes do espectáculo.
Nesta edición, non se realizarán os obradoiros que se realizaron o ano pasado, dado que se volvería moi complicado garantir as distancias de seguridade nese tipo de actividades, mais aumentáronse a cantidade de espectáculos a dous pases por día, ás 17:30 e ás 19:00, e trasladáronse á Canella do Hospital para contar cunha maior cabida garantindo que se respecte a distancia de seguridade.
Programación O que queda de verán 2020
19 de agosto: Peter Punk Pallaso con "Punkdemia".
Sinopse:
Peter Punk está de volta para converterse no Doutor Punkdemia. Un espectáculo viral no que, a través de catro fases, mostrará a súa particular visión da pandemia.
Neste espectáculo, veremos como se viste un pallaso para protexerse da pandemia, malabares con coronavirus e asistiremos a unha técnica novidosa para botar o virus donoso corpo empregando globos de xeito sorprendente. Contaremos coa axuda de Tranquilo, un vello amigo de Peter Punk sempre disposto a colaborar. E para finalizar, daremos a volta á curva para descubrir unha Vacina da Risa. E subiremos na Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk mostrará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes. Conseguirá derribalo?
26 de agosto: Tropa de Trapo con "Contos de Nenas Grandes e Pequenas".
Sinopse:
Xa hai moitas historias de homes! De cabaleiros, príncipes e guerreiros... E nós quixemos contar historias de mulleres. Princesas non, pero si guerreiras!... ou non... ou de todo un pouco.
Porque hai moitas mulleres. Todas moi diferentes, pero todas cunha voz : a súa. Aquí van catro contos de nenas (das grandes e das pequenas) con voz propia. Nenas que comparten, que vencen aos seus medos ou aos medos da xente, capaces de grandes aventuras como ir a polo lume ou subir ao monte máis alto a falar cun monstro. Nenas que tamén lle teñen medo á tormenta. Ou que xogan á pelota.
Pero iso si : nenas... que xa toca!
2 de setembro: Sempre Arriba con “C´est Pas posible”. Ás 12:30 e ás 18:30h.
Sinopse:
Usando o clown coma linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro, aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, e esquecemos deixarmos ser e desfrutar. Un fío dramatúrxico sinxelo para transmitir unha historia universal.
9 de setembro: Pajarito con “A Vida tola de Pajarito”. Ás 12:30 e ás 18:30.
Sinopse:
O peculiar universo desta muller-nena que anda solta polas rúas, fai de cada praza un novo xogo cada día. Xunto con todo o que a rodea, sucédense momentos de risas inesquecibles a través da súa interacción co público e cos transeúntes que para a ver as tolerías que lles ofrece esta gran pallasa. Pajarito é xa unha artista patrimonio da humanidade e a Oitava Marabilla do Mundo!