FERREIRO: "A GASTRONOMÍA É UN DOS PRINCIPAIS RECLAMOS TURÍSTICOS DE LUGO, SEGUIREMOS A APOIAR A ACTIVIDADE QUE NOS PROMOCIONA EN TODO O MUNDO COMO UN DESTINO TURÍSTICO E GASTRONÓMICO"
Maite Ferreiro recibe ao conciñeiro José Luis Pardo, cociñeiro lucense gañador do segundo premio do torneo estatal de tapas organizado no Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión
Ferreiro: "A gastronomía é un dos principais reclamos turísticos de Lugo, seguiremos a apoiar a actividade que nos promociona en todo o mundo como un destino turístico e gastronómico"
"Lugo conta xa coa segunda mellor tapa do estado, un recoñecemento á nosa enorme calidade no sector da restauración", afirmou Ferreiro
Lugo, 31 de xaneiro de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiu no Concello a José Luís Pardo, cociñeiro do restaurante Orixe do Campo, que foi galardoado co segundo premio do concurso estatal de tapas organizado no marco do Congreso Internacional de Gastronomía Madrid Fusión. Pardo estivo acompañado por representantes da directiva da APEHL, asociación coa que colabora a área de Cultura na súa actividade anual.
A edil afirmou que este recoñecemento responde "á gran calidade gastronómica de Lugo, cun gran número de locais adicados á hostalería que nos promocionan por todo o mundo".
Maite Ferreiro destacou "a importancia do concurso de Tapas para Lugo e para a nosa promoción turística como destino sostible, así como para a hostalería local", e afirmou que "a calidade de Lugo estivo presente neste concurso onde competiu con restaurantes de todo o Estado".
O Congreso Madrid Fusión contou este ano con máis de 26.000 asistentes, procedentes de 63 países do mundo. Durante os 3 días que dura esta mostra, realizáronse demostracións, formacións e presentacións arredor da actualidade culinaria con xuntanzas de expertos de todo o mundo.