BRAIS VÁZQUEZ: "TODA A VECIÑANZA TEMOS DEREITO A AOS MESMOS SERVIZOS, VIVAMOS ONDE VIVAMOS"
Aprobada a moción do BNG de Monterroso para que a equipa de goberno municipal busque financiamento para as obras de saneamento en Arxona e Montecalvo
Brais Vázquez: "Toda a veciñanza temos dereito a aos mesmos servizos, vivamos onde vivamos"
Monterroso, 31 de Xaneiro 2025 – O Pleno do Concello de Monterroso aprobou a proposta presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) instando ao goberno municipal a buscar financiamento para levar a cabo obras de saneamento e abastecemento en Arxona e Montecalvo, así como a mellora e humanización dos servizos na Avenida das Neves.
O portavoz nacionalista, Brais Vázquez destacou "a urxencia de mellorar as infraestruturas de saneamento nestes lugares que levan anos con deficiencias no servizo". A formación nacionalista considera que garantir unhas condicións dignas en materia de saneamento e abastecemento é unha prioridade tanto para a calidade de vida da veciñanza como para a protección do medio ambiente.
A moción aprobada insta a equipa de goberno municipal a explorar todas as vías posibles de financiamento, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo, para acometer estas obras esenciais. O portavoz do BNG en Monterroso sinalou que "é fundamental que o goberno local se implique activamente na busca de solucións e non deixe de aproveitar ningunha convocatoria de axudas ou subvencións que poidan financiar estes proxectos tan necesarios."
Dende o BNG subliñaron que seguirán fiscalizando o cumprimento deste acordo para garantir que o goberno municipal leve a cabo estas xestións necesarias e que os veciños e veciñas do rural e da vila conten con servizos de saneamento adecuados canto antes.