O POLÍTICO NACIONALISTA DEIXA A UN LADO A POLÍTICA DESPOIS DE CINCO ANOS E MEDIO DE TRABALLO COMO CONCELLEIRO DE EDUCACIÓN
Felipe Rivas: "Foi unha honra poder traballar por esta cidade, Lugo ten moito potencial e estou seguro de que o BNG seguirá impulsando o cambio necesario para melloralo"
O político nacionalista deixa a un lado a política despois de cinco anos e medio de traballo como concelleiro de Educación
Rubén Arroxo: "Sabemos que a súa marcha non é unha despedida definitiva, senón un ata logo"
30 de xaneiro de 2025. O Pleno Municipal do Concello de Lugo acolleu hoxe a despedida de Felipe Rivas como concelleiro do BNG, quen formalizou a súa renuncia ao cargo por motivos persoais. Rivas agradeceu á veciñanza de Lugo a confianza depositada no proxecto do BNG e recoñeceu o apoio recibido pola súa organización e polas compañeiras do Grupo Municipal. "Foi unha honra poder traballar por esta cidade, Lugo ten moito potencial e estou seguro de que o BNG seguirá impulsando o cambio necesario para melloralo", afirmou.
Felipe Rivas tamén quixo recoñecer o esforzo e a dedicación do equipo de goberno e de todo o persoal da área de Educación co que traballou man a man nos últimos anos. "Hoxe tócame dar un paso ao lado, pero sigo crendo firmemente no proxecto do BNG e no seu traballo para facer de Lugo unha cidade máis xusta, máis sostible e máis dinámica".
Pola súa banda, o portavoz do BNG e Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, dedicou unhas palabras ao seu compañeiro, destacando a súa entrega e obxectivos cumpridos na Concellería de Educación, así como o legado que deixa como militante do partido. "Felipe sempre traballou con responsabilidade, logrando melloras importantes para as familias de Lugo. Sabemos que a súa marcha non é unha despedida definitiva, senón un ata logo".
No nome do grupo, Arroxo quixo "dar as grazas por todo o esforzo destes cinco anos e medio, sobre todo neste último período no que, a pesar dos problemas de saúde, estiveches sempre tratando de facer o máximo esforzo". "O BNG seguirá contando contigo cando a túa situación persoal o permita", concluíu o Tenente Alcalde.